A comisión promotora de Sumar Galicia contará con representantes de CIG, CC.OO. e UXT

O portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, en rolda de prensa
SUMAR GALICIA
Publicado: domingo, 3 diciembre 2023 18:15

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Dic. (EUROPA PRESS) -

   A comisión promotora de Sumar Galicia contará con personalidades dos sindicatos CIG, CC.OO. e UXT, ademais de referentes culturais, para representar "a pluralidade do espazo progresista" da formación.

   Así o confirmou nunha entrevista en RNE Galicia recollida por Europa Press o seu portavoz, Paulo Carlos López, que non quixo avanzar nomes pero si afirmou que será "plural". "É significativo do espírito que quere ter Sumar Galicia", manifestou.

   Sobre alianzas políticas con outras forzas como Podemos, o portavoz sinalou que os considera "dentro de Sumar", sendo "consciente" de que existen identidades políticas "preexistentes" e que Sumar debe ter "a suficiente xenerosidade" para incorporalos "ao proceso de escoita e de construción da promotora".

   Para iso, establecerán mecanismos para que as organizacións "se sintan cómodas", con representación en órganos dirección ou incorporación de asuntos programáticos.

   Con todo, pediu pór os intereses colectivos por encima do "ruído". Tanto con Podemos, como con EU ou Anova, mencionou, compartiron "moitos espazos de loita" e agora, engadiu, "non existen elementos obxectivos que nos separan porque hai un ben superior que é que haxa unha alternativa política ao PP, e construirase se existe unidade".

   Por outra banda, ademais de volver desmentir que irán en coalición co PSdeG-PSOE, Paulo Carlos López reiterou que se presentarán nas catro provincias galegas, xa que contan cun proxecto con "visión nacional galega".

   Así mesmo, sobre o nome do candidato ou candidata á presidencia da Xunta, o portavoz da formación que lidera Yolanda Díaz a nivel estatal tampouco quixo establecer ningún nome.

   Lembrou que se atopan nun proceso de escoita. "Primeiro as propostas, despois os acordos e despois o candidato", demandou. Con todo, asegurou que o candidato deberá ser "referencial no ámbito profesional, recoñecido no conxunto do espazo e ter a capacidade e a solvencia de ser un referente no Goberno da Xunta".

   "Estas tres condiciones son necesarias para un liderado que chegará a tempo. Estamos preparadas e seguro que vai ser un candidato que vai ter un consenso xeral do espazo político e un recoñecemento xeral", resolveu.