SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Oct. (EUROPA PRESS) -
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condena a seis meses de prisión a Juan Pérez Miramontes, expresidente de Xóvenes Agricultores --sindicato agrario próximo ao PP que foi disolto oficialmente por un xulgado en xuño de 2016--, por defraudar un total de 666.598 euros á Seguridade Social a través dun armazón de empresas.
Segundo o fallo con data de xullo deste ano, que adianta praza.gal este luns, recóllese a conformidade aceptada entre as partes por uns feitos que se produciron entre os anos 2012 e 2015, coa concorrencia de dilacións indebidas.
Deste xeito, condénase a Pérez Miramontes a indemnizar á Seguridade Social pola cantidade defraudada, así como a unha inhabilitación durante sete anos para recibir subvencións e a abonar as costas do procedemento. A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.
A sentenza, que recolle Europa Press, sinala que Pérez Miramontes, "con ánimo de defraudar" á Seguridade Social, utilizaba un armazón de empresas para obter subvencións estatais e autonómicas no ámbito rural co "transvasamento da actividade e os empregados dunhas a outras" para concorrer a estas axudas, dado que debían estar ao corrente das cotas para recibilas.
A Audiencia Provincial da Coruña concede a suspensión da pena de seis meses de prisión polo prazo de cinco anos con condicións como abonar a responsabilidade civil durante ese período e pagar 100.000 euros procedentes da venda dunha leira, entre outros.
A sala indica que o armazón de empresas de Pérez Miramontes estaba conformado, entre outras, por Asociación Profesional Xóvenes Agricultores, Asociación Mulleres e Familias do Ámbito Rural Gallego, Asociación Dinamización do Mundo Rural, Asociación Aconsellamiento
Integral de Explotacioós e Asociación Xestión e Aconsellamiento. No entanto, o fallo absolve a estas entidades xurídicas.
CASO DE TRATA
Pérez Miramontes presidiu desde 1982 e até a súa disolución o sindicato agrario Xóvenes Agricultores. Problemas económicos, como débedas co persoal e outras entidades, que afrontou este sindicato nos seus últimos anos causaron o despedimento dos seus traballadores e levaron a Xóvenes Agricultores ao xulgado, que decretou a súa disolución após un concurso de acredores.
A Xunta outorgou máis de 2,3 millóns de euros desde a entrada do goberno popular de Alberto Núñez Feijóo, en 2009, e até 2014 ao sindicato Xóvenes Agricultores, segundo os datos ofrecidos polo conselleiro do Medio Rural, José González, durante unha intervención no Parlamento en 2019, onde apuntou que houbo "diferentes expedientes de reintegro por incumprimento de destino dos locais adquiridos" para intereses agrarios, polo que foron devoltos 2,1 millóns. Ademais, informou que durante o bipartito --PSdeG e BNG-- déronse 2,5 millóns a XX.AA.
Paralelamente, en abril de 2019, este empresario foi un do seis detidos en Galicia no marco dunha operación policial contra a trata de mulleres en Santiago de Compostela.