SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Jul. (EUROPA PRESS) -
Correos contratará en Galicia a 1.424 persoas para o dispositivo especial de cara ás eleccións xerais do 23 de xullo, cuxo prazo para solicitar o voto por correo terminou o xoves. En cambio, sindicatos cuestionan estes reforzos e critican a "falta de previsión" da empresa pública.
Segundo datos que ofrece Correos a Europa Press, están previstos un total de 1.424 contratos para estas datas, a maioría nas provincias da Coruña (589) e Pontevedra (458). A estes hai que sumar os de Lugo (204) e Ourense (173).
Todo iso tras rexistrarse cifras récord de solicitudes de voto por correo. En concreto, a empresa postal pública tramitou 146.144 solicitudes dirixidas ás oficinas do censo electoral galegas, máis do triplo que para as últimas xerais do 10 de novembro de 2019.
Neste contexto, o responsable de Correos en CCOO Galicia, José Antonio Pensado, non ten "ningunha dúbida" de que o operativo do 23X sairá adiante, pero grazas ao "esforzo" dos traballadores. "En Correos levamos feitos unha chea de procesos electorais, non tivemos problemas e este non vai ser unha excepción", asegura.
En declaracións a Europa Press, Pensado confía en que o cadro "vai sacar todo isto adiante, haxa máis ou menos reforzo" e a pesar da "incerteza" de tratarse duns comicios no verán: "Nós estamos a reivindicar que poñan o persoal que sexa necesario para facer todo o proceso da mellor maneira posible e que todo entre en prazos, que vai entrar".
A dirección trasladou aos sindicatos que "non ía haber ningún problema" en canto aos reforzos. No entanto, o responsable de CCOO afirma que este proceso "colleu a todos co pé cambiado, pero sobre todo á empresa", porque os representantes dos traballadores xa "prevían unha avalancha de solicitudes".
Así, confía en que "oxalá" se produzan esas máis de 1.400 contratacións que "a día de hoxe non están feitas", tal e como advirte Pensado, quen lamenta que, unha vez pasados estes 15 días, o cadro volverá "ás mesmas". Isto achácao á "xestión nefasta" realizada na empresa pública baixo a dirección de Juan Manuel Serrano --desde 2018-- con "recortes de cadro".
Por parte da CIG, o seu responsable de Correos, John Vivanco, coincide na "falta de contratación e, sobre todo, de previsión na contratación" ante a previsible sobrecarga que ía haber o 23X por tratarse dunha convocatoria no verán, tendo en conta que xa ocorreu "nas últimas xerais".
Vivanco di descoñecer a cifra de reforzos e teme que ocorra o mesmo que nas municipais do 28 de maio. "Empezaron a chamar a xente a última hora. Xente que non ten ningunha relación con Correos", explica o representante da CIG, que critica que non se tirou das bolsas de persoal eventual pola "reforma laboral", tal e como lles trasladou a empresa, porque non poden traballar máis de 12 meses nun período de 18.
Así mesmo, Vivanco cre que Correos "engana" coas súas cifras, porque chama "reforzos" a contratacións que se destinan a cubrir vacacións, asuntos propios, baixas e outras ausencias. "Reforzo é cando unha unidade está completa de persoal e necesita ampliar", matiza.
Finalmente, igual que o seu compañeiro de CCOO, garante que a "profesionalidade dos carteiros" logrará sacar adiante estas eleccións "metendo horas e horas". "Non me cabe a menor dúbida, pero como sempre polo esforzo do traballador e non pola organización da empresa", conclúe o responsable da CIG.