A CORUÑA, 8 Oct. (EUROPA PRESS) -
A Deputación da Coruña destinou 30.000 euros ao Banco de Alimentos de Santiago de Compostela para a compra de víveres de primeira necesidade a persoas en situación vulnerable da zona sur da provincia coruñesa.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o responsable do Banco de Alimentos de Santiago, José Pita, asinaron este venres o convenio, nun acto no que Formoso destacou "o labor social fundamental" que desempeña a entidade, "sobre todo durante este período de crise sanitaria e económica sen precedentes".
Nun comunicado, o organismo provincial informou de que, ao longo do ano, os 56 voluntarios do Banco desenvolven actividades de captación e repartición de alimentos. Dentro das súas tarefas inclúense ademais, campañas de concienciación en empresas, centros educativos e sociais e entre a poboación xeral sobre problemas derivados da escaseza de alimentos "e a falta de recursos necesarios para poder vivr unha vida digna".
Na súa maioría, os alimentos recoller proceden de donativos de empresas alimentarias, que son examinados mediante un "minucioso" control de calidade, clasificados e almacenados para a súa posteiror repartición, que se selecciona segundo as necesidades de cada centro asistencial.
XORNADAS DE EMPRENDEMENTO
Noutra orde de cousas, o ente provincial organiza a terceira edición das súas xornadas dedicadas aos emprendedores, enmarcada na
Startup Europe Week (#SEW21), unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea "para fortalecer o ecosistema empredendor no ámbito local".
A edición de 2021 celebrarase no Pazo de Arenaza (Oleiros) o vindeiro xoves 14 de outubro ás 10,00 horas e nela, segundo informou a Deputación, "daranse a coñecer os diferentes recursos que a institución provincial pon á súa disposición a través do Plan de Emprego Local", ademais de "xerar debate e intercambio de boas prácticas entre os asistentes e os promotores de iniciativas empresariais innovadoras e tecnolóxicas", como son STGO, OpositaTest, AllGenetics e DromoSport.
Nun formato "innovador" de 'world café', os participantes poderán "falar e compartir café" cos impulsores das citadas empresas: Santiago González, CEO e co-fundador de STGO; a doutora Alejandra Perina, directora de bioinformática, co-fundadora e socia de AllGenetics & Biology S.L.; Jonathan García, CEO e co-fundador de Opositatest.com e Olga Parente, fundadora de Dromo Sport.
Este ano, ademais, o evento contará cun formato mixto presencial e online. Os interesados poden inscribirse na web: http://startupeuropeweek.eu/events/84