Rosa Veiga - Europa Press
OURENSE 12 Ago. (EUROPA PRESS) -
O lume no Macizo Central de Ourense continúa avanzando e nas últimas horas obrigou a realizar desaloxos en vivendas nos municipios ourensáns de Maceda e Chandrexa de Queixa, neste último xa arden máis de 3.000 hectáreas.
A Consellería de Medio Rural activou a Situación 2 por risco para vivendas durante a madrugada deste martes nas parroquias de Chandrexa de: Requeixo, Vilar e Zamorela. Fixo o propio pola proximidade do lume aos lugares de Maceda de: Calveliño do Monte e Santiso.
Segundo informa o 112 Galicia a Europa Press, foi necesario desaloxar a cinco veciños de dúas vivendas no lugar da Senra, en Chandrexa, durante a madrugada.
Pola súa banda, a alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, relata a Europa Press que se desaloxaron a uns catro veciños en Calveliño do Monte, onde se fixo un contrafuego para asegurar a aldea. Esta mañá de martes "está a avaliarse o terreo para mirar como proceder na xornada de hoxe", pero teme que "o lume vai subir cara a Montederramo".
A rexedora advirte que se trata de "un terreo moi complicado" no que xa houbo incendios no pasado. "Agora mesmo, debido á situación que está a haber en toda a provincia de Ourense, está a ser bastante complicado por parte da Xunta chegar ás necesidades de todos os incendios", expón Oviedo.
MÁIS DE 3.000 HECTÁREAS EN CHANDREXA
O incendio en Chandrexa arrasa máis de 3.000 hectáreas, máis que todo o que queimado en Galicia durante 2024. Segue sen controlar desde o pasado venres e incorpóranse ás tarefas de extinción membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Entre outros medios, foron mobilizados 14 avións e 12 helicópteros.
Tamén están activos os incendios de: Vilardevós, parroquia de Moialde (40 hectáreas) --xa desactivada a Situación 2 en Silva e San Paio--; Cartelle, parroquia de Anfeoz (20 hectáreas); Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas); e Samos, parroquia de Santalla (200 hectáreas).
Pola súa banda, están estabilizados os lumes de: Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos (180 hectáreas); Maceda, parroquia de Castro de Escuadro (450 hectáreas); A Estrada, parroquia de Souto (20 hectáres).
Están controlados os incendios de Monfero, parroquia Queixeiro, que afecta o parque natural das Fragas do Eume (5 hectáreas), e A Fonsagrada, parroquia de Monteseiro (150 hectáreas); e en Verín, parroquia de Mourazos (9 hectáreas). Está extinguido o lume de Padrenda, parroquia homónima (41,6 hectáreas).