SANTIAGO DE COMPOSTELA 9 Jun. (EUROPA PRESS) -
Un voo da compañía Air Europa procedente de Madrid que debía aterrar sobre as 8,30 horas deste sábado no aeroporto de Peinador, en Vigo, fíxoo finalmente no de Lavacolla, en Santiago logo de ser desviado.
Diso informou Aena a Europa Press, que indica que o voo asociado a este volverá á capital de España desde o aeroporto de Lavacolla.
O desvío deste sábado súmase aos incidentes ocorridos esta semana en Peinador con diversas cancelacións e cambios producidos pola néboa.
O sistema ILS, que apoia aos pilotos en condicións de baixa visibilidade, está apagado desde o 7 de maio para a súa substitución por un novo. Aena escolleu os meses de maio e xuño para facer o cambio porque "estatisticamente" é cando hai mellor meteoroloxía en Peinador.