FERROL, 7 Jul. (EUROPA PRESS) -
O Concello de Ferrol anunciou que a Policía Local establecerá desde este martes, a partir das 15.00 horas, un dispositivo especial de tráfico para controlar o número de vehículos que acceden á zona de Entre Castelos con motivo da chegada do buque 'Juan Sebastián Elcano', coa Princesa Leonor a bordo, o mércores.
Segundo trasladou o Goberno municipal nun comunicado de prensa, debido a que os accesos a esta zona son viarios "estreitos e hai poucos lugares onde poder aparcar", adoptaranse unha serie de medidas en materia de tráfico, á vez que se realizan recomendacións "para evitar problemas de seguridade viaria na contorna que puidesen provocar bloqueos ou que impedisen chegar aos vehículos de emerxencia".
Neste contexto, durante a mañá deste martes, día 8, a Policía Local prestará atención á zona para asegurar que as vías se atopan nas condicións idóneas. A partir das 15.00 horas prestarase servizo de forma permanente na zona de San Felipe, San Cristóbal e Cariño por parte dos axentes que velarán para que o tráfico resulte seguro.
Así mesmo, facilitarase o acceso de vehículos ás zonas de aparcadoiro, mentres exista espazo dispoñible, evitando o estacionamento na calzada. En canto se esgote o espazo para aparcar, restrinxirase o acceso a distintas zonas, habilitando un circuíto nun único sentido, onde o tráfico rodado poderá chegar desde A Graña a San Felipe, marchándose por San Cristóbal, Brión e Cariño cara á saída da zona.
No entanto, esta medida non afectará, sempre que resulte posible, a residentes, o que permitirá a comunicación entre San Cristóbal e San Felipe e A Graña.
Ademais, existe unha liña de microbús, que circula pola zona de Brión, San Cristóbal, San Felipe e á inversa, que podería ver alterados os seus horarios se estes coinciden coa entrada do buque. En concreto, a liña Ferrol-San Felipe das 15.30 horas e das 19.00 horas e os de San Felipe-Ferrol das 16.15 horas e 19.45 horas do deste martes e este sábado, día 12, ás 10.00 horas.
Tamén esta previsto un dispositivo de seguridade viaria para este mércores con motivo da chegada do buque ao porto de Ferrol e o sábado 12 con motivo da súa saída.