SANTIAGO DE COMPOSTELA 16 Nov. (EUROPA PRESS) -
A empresa galega 'Smallwonders' presenta o seu segundo xogo para iPhone, iPod e iPad baixo o título 'World of Popus' no que supón unha "homenaxe" aos da década dos 80.
Anunciouno, a través dun comunicado, o produtor xefe de 'Smallwonders', Juan Araujo, que explicou que o xogador debe controlar os personaxes --os Popus-- a través de diferentes escenarios cheos de obstáculos cun só dedo.
Tras unha semana na 'Apple Store' --tenda de produtos Apple--, este xogo tivo "unha moi boa acollida" e "en España, está moi ben situado", segundo destacou o propio Araujo.
Pola súa banda, o director do xogo, Eduardo Veiga, sinalou que se trata dun "sistema de xogo novo e divertido que provoca que te enganches", xa que mestura crebacabezas e xogos de habilidade.
'SMALLWONDERS'
Trátase do segundo xogo de 'Smallwonders' tras o lanzamento en febreiro de 'Battle of Puppets', que conseguiu o premio ao mellor videoxogo móbil español en Gamelab 2010. Ademais, este xogo estivo no Top 25 de Estados Unidos.
'Smallwonders' é unha empresa tecnolóxica de Lugo especializada na creación de aplicacións para dispositivos móbiles. Conta con pouco máis dun ano de vida e xa está a preparar a saída dun terceiro para antes de Nadal.