A espera media para operarse en Galicia dispárase: 20 días máis nun ano e case ao nivel da pandemia

Máis de 57.600 pacientes agardan por unha cirurxía, 6.117 máis de seis meses, case o triplo que en xuño de 2025; Caamaño responsabiliza á folga

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante a comparecencia. - MONICA ARCAY CARRO/XUNTA
Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 30 septiembre 2026 16:05

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Sep. (EUROPA PRESS) -

   A espera media por unha intervención cirúrxica en Galicia disparouse no primeiro semestre deste ano tanto en relación co mesmo período de 2025, como ao semestre previo. Segundo os datos difundidos pola Consellería de Sanidade, para unha operación hai que esperar unha media de 89,5 días (case tres meses), 20,2 días máis que un ano atrás e apenas dez días menos da demora rexistrada no peor da pandemia --o primeiro semestre de 2020 (100,8 días)--.

   Nunha comparecencia con outros responsables do Sergas, o propio conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, admitiu sen paliativos que os datos son malos: non só crece a espera media cirúrxica, senón tamén as demoras para unha consulta hospitalaria (sitúase en 69,8 días, 12,5 máis que en xuño de 2025) e para probas diagnósticas (16,4 días máis que no mesmo período que o ano anterior). E apuntou ao Goberno central e á folga polo Estatuto Marco como principal causa.

   "Estamos ante un balance con 25 xornadas de folga médica contra o Estatuto Marco en seis semanas diferentes", argumentou, antes de advertir que o "impacto" é equivalente a "máis dun mes de traballo ordinario" e tradúcese nuns 215.000 actos sanitarios suspendidos, que, se se suman aos que deixaron de facerse por paros previos de decembro de 2025, subirían a case 280.000.

    Por iso, incidiu en que lle resulta "incomprensible" a "negativa" do Goberno central a establecer "un diálogo serio" cos sindicatos médicos para tratar de reverter unha situación.

    Os efectos son "dramáticos", dixo o máximo responsable sanitario do a comunidade, para agregar a continuación que, se se ratifica a folga indefinida que está prevista para outubro, haberá "consecuencias terribles".

DEMORAS DE MÁIS DUN ANO PARA OPERARSE

   En relación ao empeoramento dos datos de intervencións cirúrxicas, Caamaño, quen compareceu co xerente do Sergas, Luis León, e co director xeral de Integración e Innovación Asistencial, Alfredo Silva, puxo tamén o foco na caída da autoconcertación --é dicir, a baixada das 'peonadas', dada a negativa dos médicos a realizar actividade voluntaria pola tarde--.

    En detalle, as operacións no primeiro semestre de 2026 situáronse en 94.181 en Galicia, fronte ás 109.746 rexistradas no mesmo período de 2025 (15.565 intervencións menos, o que se traduce nunha caída porcentual do 14,2%). E se en xuño de 2025 había 49.223 pacientes en espera, un ano máis tarde incrementáronse un 17,2%, até os 57.680.

    O tempo de espera medio por unha operación --computado o hospital vigués Povisa xunto cos restantes do Sergas-- situouse en 89,5 días fronte aos 69,3 de xuño de 2025 (20,2 días máis) e tamén significativamente por encima dos 72,8 de decembro do ano pasado.

    O principal impacto da caída rexístrase na actividade programada (baixa un 17,9%, con 17.104 intervencións menos, situándose ao peche do primeiro semestre en 78.345). Con todo, a actividade urxente aumenta un 10,8% (até 15.836 operacións). Por prioridades, as esperas empeoran en todas: soben 4,5 días en prioridade 1, 18,6 en prioridade 2 e 21,9 días en prioridade 3.

    Ademais, aumentan os pacientes que levan máis de seis meses na lista de espera: do total de 57.680, un total de 6.117 levaban máis de 180 días (case o triplo que en xuño de 2025). E dentro deles, máis dun ano esperando por unha intervención levaban ao peche do primeiro semestre 504 usuarios (135 na área da Coruña-Cee, 339 na de Santiago-O Barbanza, e 30 na viguesa).

    Este último indicador empeora de forma notoria: un ano antes só 12 pacientes esperaban máis de 12 meses (todos eles na área sanitaria da Coruña).

    Por servizos, cirurxía xeral e dixestiva é a que padece o maior descenso de actividade, cun 21,4% menos de intervencións no primeiro semestre de 2026.

O EMPEORAMENTO AFECTA AS CONSULTAS

   No último balance asistencial non só empeoran as demoras para operarse, tamén se amplía o tempo de espera para probas diagnósticas e consultas externas.

    En total, en primeiro semestre de 2026 pechouse cun total de 2.490.816 consultas --das que 742.191 eran as primeiras, e 1.748.625 sucesivas--. A caída global na comparativa interanual é de 110.011, un 4,2% menos, e caen tanto as primeiras consultas (un 4,7%) como as sucesivas (un 4%).

    En xuño deste ano esperaban por unha consulta 230.614 pacientes (37.278 máis que no mesmo período do ano anterior, o que supón unha alza de 19,3%). O tempo de espera por unha consulta tamén creceu un 12,5% --até os 69,8 días, fronte aos 57,3 días de demora do primeiro semestre de 2025--.

    Tanto os pacientes que superan o seis meses de espera para unha consulta como os que esperan o ano crecen significativamente. En concreto, en xuño de 2025 eran 145 os galegos que esperaban máis dun ano por unha consulta (144 deles na área sanitaria lucense e só un na de Pontevedra) e o último balance reflicte que hai 1.118 persoas que están pendentes dunha consulta máis de 12 meses.

MÁIS DE 100 DÍAS DE ESPERA PARA PROBAS DIAGNÓSTICAS

   As probas diagnósticas tamén caen (rexístrase unha actividade no primeiro semestre do ano de 1.855.211, o que supón unha caída interanual do 3,4% --64.364 menos--).

    Os pacientes en espera de proba unha soben até 137.648, unha alza do 16,8% en relación ao mesmo período do exercicio anterior; e o tempo de espera sitúase en 100,1 días de media (máis de tres meses).

O CONTRAPUNTO: ATENCIÓN URXENTE E VÍA RÁPIDA DO CANCRO

   Caamaño incidiu no efecto das folgas e esgrimiu que se "rompe" unha tendencia "positiva" que "viña producindo de forma sustentable" no que respecta ao conxunto das demoras nos hospitais galegos, e tambié que Galicia presenta datos "mellores" que a media estatal e outras comunidades.

    Ademais de recalcar que se continúa negociando desde a Consellería para retomar as peonadas --previamente Silva admitiu o impacto da caída da autoconcertación--, o conselleiro reivindicou que, aínda coa dificultade dos paros, demostrouse a "capacidade" do sistema sanitario público galego para "responder" as conxunturas de carácter prioritario e urxente.

   Como exemplo, resaltou o dato das intervencións urxentes, e que se mantén unha atención diferenciada para as intervencións cirúrxicas de prioridade 1, cun tempo de espera de 22,2 días, sensiblemente por baixo dos 30 días establecidos.

   Xunto ao anterior, o conselleiro detívose especialmente nas vías rápidas por sospeita de cancro, posto que, neste primeiro semestre, o Sergas atendeu a 14.750 pacientes a través delas, 1.066 máis que no mesmo período do ano anterior, o que representa un incremento próximo ao 8%.

   Este aumento da actividade conseguiuse mantendo o tempo medio de espera en 6,6 días, "moi por baixo", recalca Sanidade, do compromiso de 15 días establecidos para estes procesos.

   Trátase de pacientes nos que existe unha sospeita de cancro e para os que resulta fundamental favorecer unha valoración temperá; o Sergas logrou manter os tempos de acceso e ademais atender a máis pacientes, o que, para Gómez Caamaño, evidencia "a importancia de establecer prioridades asistenciais, especialmente en circunstancias extraordinarias como as actuais".

   Sanidade tamén destaca que creceu a actividade ao amparo da Lei de garantías de tempos máximos, con 31.672 procesos atendidos durante o primeiro semestre, 472 máis que no primeiro semestre de 2025, o que representa unha subida do 1,5%.

Contador

Contenido patrocinado