Álvaro Ballesteros - Europa Press
SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 Jun. (EUROPA PRESS) -
Nove días despois de que o 12 de xuño se declarase o incendio na parroquia de Herbón, no municipio coruñés de Padrón, o lume forestal quedou definitivamente extinguido pasadas as 20.00 horas deste domingo, tras ter calcinado 298,57 hectáreas de monte arborado.
As outras 74,64 hectáreas, até completar as 373,21 hectáreas totais queimadas, foron de monte raso, segundo o balance definitivo dado a coñecer este domingo pola Consellería do Medio Rural sobre un lume que obrigou a declarar temporalmente a situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade a núcleos de poboación.
Para a súa extinción mobilizáronse, de forma acumulada, sete técnicos, 132 axentes, 166 brigadas, 122 motobombas, cinco pas, nove unidades técnicas de apoio, oito helicópteros e sete avións.
INCENDIOS ACTIVOS
Por contra, permanece activo outro incendio na parroquia da Capela, no municipio coruñés do mesmo nome, desde as 4.06 horas deste domingo.
Segundo as últimas estimacións provisionais, as chamas afectan a unhas 25 hectáreas. Traballan na súa extinción polo momento dous técnicos, nove axentes, 15 brigadas, 15 motobombas, unha pa e tres helicópteros e dous avións.
Activo tamén está outro incendio na paroquia de Manzalvos, no municipio ourensán da Mezquita, que entrou desde Portugal ás 7.18 horas deste domingo.
As últimas estimacións provisionais de superficie afectada elévanse a 50 hectáreas e na súa extinción traballan por agora oito axentes, 13 brigadas, oito motobombas, tres pas, sete avións e sete helicópteros.