O Festival Reperkusión sacudirá Ourense dentro dun mes con Manu Chao, Muchachito e 24 artistas máis

A tarde do domingo 13 de xullo farase un oco ao fútbol coa retransmisión da Final do Mundial en directo

Cartel del Reperkusión 2014
REMITIDO
Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 10 junio 2014 19:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Festival Reperkusión prepárase para celebrar a súa edición número 12 os días 11, 12 e 13 de xullo na Cidade dos Rapaces de Bemposta, en Ourense, e contará coas actuacións de Muchachito Bombo Inferno e Manu Chao La Ventura, que repiten, por terceiro ano consecutivo, cun dos seus maratonianos concertos de máis de dúas horas de grandes éxitos.

Completan o cartel de Reperkusión 2014 outros 24 grupos de música e artistas de circo e teatro chegados de destinos diversos, como os berlineses Dirty Honkers, os checos N.O.H.A., os franceses Kimbala e o portugués Daniel Lança co seu Barcelona Street Orkestra.

Tamén os canarios Kuarembó, os valisoletanos Curioso Periplo, os portugueses Crassh e os africanos Djolé Djembé Booma. A presenza galega será numerosa e variada, con Terbutalina, Cuchufellos, The Turre's band, La Banda de Andrelo, Los Bichis, Colectivo Bomba, Funkombo e Hadri Hache, no musical, e 8 mm Teatro, supergalácticos e os números circenses de Troupe Sky no escénico.

Durante o día, actividades de diversas disciplinas encherán as rúas da Cidade dos Muchachos: xogos, talleres, ioga da risa, a tradicional Olimpiada de Malabares e máis música.

PROGRAMACIÓN GRATUÍTA

Como en anos anteriores, só son de pagamento os concertos de noite no escenario principal, o venres e o sábado en torno ás 22,00 horas. O resto da programación é gratuíta: os concertos do escenario de día, os pasacalles, os números de circo, os talleres de malabares e percusión, os xogos e sorpresas, a olimpíada de malabares e o mercado de artesanía.

"Unha ampla programación para todos os públicos o venres pola tarde e o sábado e domingo todo o día", segundo destaca a organización nun comunicado.

ENTRADAS E BONOS Á VENDA

As entradas están á venda en entradas.reperkusion.com e en puntos de venda de toda Galicia cun prezo de 15 euros máis gastos de xestión a entrada dun día e 25 euros máis gastos o bono de tres días. En taquilla custarán 20 e 30 euros, respectivamente, e o acceso á zona de acampada costa 5 euros a maiores.

O Festival Reperkusión creou este ano o denominado 'bono cuadrilla'. Solo ata o 17 de xuño, os grupos de catro persoas que compren xuntos o seu bono para o Reperkusión terán un desconto, pois a cuarta entrada sen cámping sairá por 5 euros e con cámping, por 10. E se se xuntan 50 persoas da mesma cidade de Ourense, a organización poralles un bus gratis para ir e ir ata o festival.

VENRES CON MUCHACHITO

O cabeza de cartel do venres 11 será Muchachito, que repasará os mellores temas do seu repertorio en compañía dos seus compadres: o pintaor Santos de Veracruz e o guitarrista Diego Pozo, 'o Rato', antigo membro de Los Delinqüentes.

Esa mesma noite actuarán no escenario principal os galegos Cuchufellos, os franceses Kimbala e os Noise of Human Art (N.O.H.A.), aos que se acaba de sumar a lisboeta Carmen Guibá-Brown, engadíndolle á proposta do grupo da República Checa un combinado de sons jazzísticos, con aroma sesentero e alma de fado.

A noite rematará com Funkombo e empezará, antes dos concertos de pagamento, con The Turre's Band e a súa viaxe do swing e o blues ao desenfreo da música balcánica e o ska, sen paradas intermedias; coa compañía 8 mm teatro e a súa proposta de amor tarantiniano; e cos incribles números circenses da Sky Troupe.

...SÁBADO CON MANU

O prato forte do sábado é a volta ao Festival Reperkusión de Manu Chao. O artista estará de novo acompañado por La Ventura para ofrecer un dos seus espectaculares shows e dúas horas de enerxía nas que interpreta himnos coñecidos por todos.

O sábado tamén actúan no escenario principal o lisboeta Daniel Lança & Barcelona Street Orkestra, o electro swing multicultural dos berlineses Dirty Honkers e o punk galego de última xeración dos Terbutalina. Hadri Hache será o encargado de pechar a noite cunha sesión de dj.

Antes, ao longo da tarde, actuarán no escenario de día, de acceso gratuíto, e polas rúas de Bemposta, os canarios Kuarembó, os portugueses Crassh e os africanos Djolé Djembé Booma. Tamén haberá humor e circo, cos supergalácticos, o Ioga da Risa e novas oportunidades de gozar co circo clásico dos Troupe Sky, antigos integrantes do Circo dos Rapaces, que no seu día levou o circo dende Ourense ao mundo enteiro.

E DOMINGO, FIN DE FESTA

O festival remata o domingo 13 de xullo cun fin de festa de acceso gratuíto. Ao longo da tarde actuarán cinco bandas: os valisoletanos Curioso Periplo ofrecerán un dos seus peculiares espectáculos nos que hai espazo para a canción de autor, lecturas poéticas, baile, pequenas performances teatrais e pintura en directo; os Colectivo Bomba porán ao público a bailar coa súa proposta freestyle de punk mestizo; Os Bichis demonstrarán que son os autéticos xinetes do Apocalipse Disco dous 70; e La Banda de Andrelo arrasará com a súa mestura de funk, ska, punk, reggae, rockabilly e rumba. Pechará a noite, de novo, Hadri Hache.

Ademais, as mañans de sábado e domingo están reservadas aos talleres de malabares e percusión e ás sesións de ioga da risa, ás que se une o mercado de artesanía que estará aberto ao longo de toda a fin de semana. A organización advirte de que haberá máis sorpresas, en forma de xogos, e a tarde do domingo se fará un oco ao fútbol, coa retransmisión da Final do Mundial en directo.

Contenido patrocinado