SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Jul. (EUROPA PRESS) -
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, denunciou este sábado que a decisión da Xunta de suprimir a Tarxeta Básica "vai en sentido contrario ás necesidades dos galegos".
En declaracións aos medios após a reunión da Executiva Nacional do PSdeG, celebrada no Hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela, Formoso censurou que se suprima "unha axuda fundamental" para "75.000 galegos con menos recursos".
Nesta mesma liña, o líder dos socialistas criticou a situación de "saturación" da sanidade galega e lamentou a "pasividade" da Xunta ante estes feitos.
Así, reclamou ao presidente da Xunta un aumento do persoal sanitario ante as vacantes por vacacións que, engadiu, "poden provocar unha tensión do sistema", e pediu un incremento do orzamento en atención primaria.
Ademais, tamén reprochou que o Executivo de Alfonso Rueda "non tome ningunha medida" ante as dimisións recorrentes en "todos os hospitais de referencia".
REBAIXA DE 30 CÉNT/LITRO
Por outra banda, o líder do PSdeG esixiu á Xunta que dedique parte dos 557 millóns de euros recibidos polo imposto de hidrocarburos para rebaixar "30 céntimos por litro de combustible aos galegos e galegas".
Desta maneira, Formoso expresou o descontento dos socialistas ante as "medidas ausentes" na administración autonómica respecto da socioeconomía de Galicia. "Sectores estratéxicos como a pesca, transporte e industria, están a sufrir a carestía dos prezos do combustible", sinalou o secretario xeral.
ESTRUTURA COMARCAL
Así mesmo, a Executiva do PSdeG reunida este sábado acordou iniciar o proceso de constitución das estruturas comarcais, pendentes desde o ano 2009. O proceso, que comeza coa constitución das 32 comarcas do partido, desenvolverase durante os próximos tres meses.
As comarcas estarán integradas polos secretarios xerais das agrupacións locais, así como alcaldes e, no seu caso, portavoces socialistas na oposición. Estas localidades serán "complementarias" das estruturas provinciais, co propósito de "facilitar a coordinación territorial do partido".