Galicia en Común pide reforzos para a diagnose de casos e aumentar as prestacións da Risga

Gómez-Reino di ter síntomas e atópase á espera de recibir o resultado da proba do COVID-19

Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 16 marzo 2020 19:46

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O candidato á Presidencia da Xunta pola coalición Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, reclamou reforzos nos servizos de atención telefónica e os equipos de diagnoses de casos de COVID-19, ademais doutras medidas de carácter social como a suspensión das execucións hipotecarias, aumentar as prestacións da Risga e ofrecer cobertura económica aos autónomos.

   Trátase dalgunhas das propostas trasladadas polo tamén secretario xeral de Podemos Galicia ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión telemática celebrada na mañá deste luns polos líderes das principais forzas políticas de Galicia.

   Un encontro que, segundo sinalou Gómez-Reino nunha rolda de prensa celebrada a través das súas redes sociais na tarde do luns, comprometéronse a celebrar de forma periódica para coñecer de primeira man as actuacións da Xunta e que esta coñeza as propostas da oposición.

   Entre as medidas expostas por Galicia en Común ante a crise desatada polo coronavirus está a necesidade de reforzar "en medios técnicos e humanos" os servizos sanitarios, especialmente na realización de diagnósticos ante posibles casos de COVID-19 e para liquidar o "colapso" que padecen as liñas telefónicas habilitadas pola Administración autonómica.

   Ademais, no plano social, reclamou que o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) suspenda as execucións hipotecarias e que a Xunta aumente as prestacións da Renda de inclusión social de Galicia (RISGA).

   Por outra banda, puxo o foco en que os autonómos deben contar con mecanismos de "cobertura" ante a situación aberta, á vez que apela a que o Igape se converta nunha ferramenta de "apoio" para as empresas galegas.

   Por último, Antón Gómez-Reino reclamou tamén reforzos de medios para a atención de mulleres vítimas de violencia de xénero, tendo en conta que moitas deberán pasar as próximas semanas confinadas cos seus maltratadores.

   Así as cousas, lanzou unha mensaxe de agradecemento aos profesinales da sanidade pública e os servizos de emerxencia, ademais da os cidadáns que están a levar a cabo "un esforzo de concienciación colectivo" que serven de "exemplo" dunha sociedade "cohesionada e organizada que responde os retos".

   Á espera DE RESULTADO

   Gómez-Reino ofreceu a comparecencia de prensa desde a súa casa na Coruña, onde garda corentena desde o mediodía do pasado xoves despois de confirmarse o positivo por coronavirus da súa compañeira de grupo parlamentario e ministra de Igualdade, Irene Montero.

   De feito, o candidato da coalición sinalou que está pendente de recibir o resultado da preuba do COVID-19, á que foi sometido o domingo após presentar síntomas como febre baixa ao longo da fin de semana.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado