SANTIAGO DE COMPOSTELA 22 Abr. (EUROPA PRESS) -
O condutor implicado no atropelo que este mércores custou a vida a un home de 48 anos de idade en Pontevedra, I.F.R., foi identificado pola Garda Civil, que o investiga como suposto autor dun homicidio imprudente.
Así o trasladaron a Europa Press fontes da Comandancia, que sinalaron que, "polo momento", o home, que conducía un camión no momento do sinistro, ten a condición de investigado, á espera de que se sigan practicando dilixencias.
O suceso tivo lugar á primeira hora da mañá, cando un particular alertou ao CIAE 112 Galicia da presenza dun home na calzada, no quilómetro 1,400 da PO-531 en Campañó, que acababa de ser atropelado e que necesitaba asistencia sanitaria.
Desde Emerxencias deuse aviso ao 061, á Policía Local, Protección Civil e Garda Civil. Urxencias Sanitarias enviou ao lugar unha ambulancia asistencial pero, pese ao esforzo dos profesionais, nada se puido facer polo peón atropelado, con domicilio en Vigo, que faleceu no punto.
Fontes da Garda Civil apuntaron que a vítima "estaba a realizar traballos no polígono do Vao" e que o condutor do camión non se detivo no momento de atropelalo.