Carlos Castro - Europa Press
LUGO 8 Sep. (EUROPA PRESS) -
Os dez detidos nas protestas propalestinas na Vuelta Ciclista a España ao seu paso pola provincia de Lugo quedaron en liberdade nas últimas horas.
Segundo fontes consultadas por Europa Press, tanto os oito detidos pola Garda Civil no Corgo como os dous arrestados pola Policía Nacional en Monforte de Lemos foron postos en liberdade na noite deste pasado domingo.
Entre eles, inclúese a responsable comarcal de Lugo Sur do BNG, Rosana Prieto, que foi detida mentres participaba na protesta.
Esta foi a primeira xornada de protestas en Galicia após sucederse noutros puntos de España. Todo iso debido á participación na Vuelta do equipo Israel-Premier Tech. Así, espéranse máis protestas esta semana noutras etapas que se celebrarán na Comunidade.
Ante esta situación, máis de 50 colectivos propalestinos lamentaron a "violencia policial" e as "detencións arbitrarias" levadas a cabo este pasado domingo. "Polo menos una das persoas detidas necesitou atención médica despois de ser arrestada", apuntaron nun comunicado.
"Esiximos á Subdelegación do Goberno e a todos as institucións responsables a liberación sen cargos de todos os detidos e o cesamento da represión do Estado contra os movementos de apoio a Palestina", sinalaron.
A isto, engadiron que o equipo Israel-Premier Tech está patrocinado e creado por Sylvan Adams, "quen se define orgullosamente como sionista e financia abertamente e sistematicamente iniciativas deportivas para mellorar a imaxe de Israel no exterior".
Por todo iso, destacaron que as mobilizacións non acabaron, polo que este martes, 9 de setembro, máis colectivos concentraranse na etapa da volta que irá de Poio a Mos, en Pontevedra.
Ademais, Movemento Sumar Galicia pediu a suspensión da Volta "mentres non se expulse ao equipo Israel-Premier Tech" da competición.