SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Mar. (EUROPA PRESS) -
A compañía aérea low cost Volotea ampliará as súas rutas en Galicia coas novas conexións dende o aeroporto compostelano de Lavacolla a Ibiza e Menorca, e dende o vigués de Peinador a Sevilla e Ibiza.
Así anunciouno este luns o responsable de comunicación e relacións institucionais da compañía, Alfons Claver, quen explicou que estas catro rutas contarán con tres voos semanais dun prezo inicial de 29 euros, taxas incluídas, por cada traxecto.
Estas catro conexións súmanse á ruta entre Santiago e Venecia, xa anunciada hai un mes, o primeiro voo da cal partirá o próximo 26 de abril.
HORARIOS
Deste modo, a partir do 15 de xuño os voos da nova ruta de Santiago a Ibiza sairán todos os luns ás 21.15 horas e os xoves e domingos á 01.55 horas. Os traxectos de volta dende Ibiza sairán os luns ás 14.30 e os mércores e sábados ás 19.10 horas.
A partir do 29 de xuño, os voos de Santiago a Menorca sairán todos os luns ás 16.35 horas e os mércores e sábados ás 21.15 horas. Os voos de regreso dende Menorca sairán os luns ás 18.50 horas e os mércores e sábados ás 23.30 horas.
Dende Peinador, a partir do 16 de xuño sairán os voos rumbo Ibiza. Farano todos os martes ás 12.45 horas, os venres ás 20.35 horas e os domingos ás 18.35 horas. Dende Ibiza a Vigo sairán os martes ás 07.00 horas, os venres ás 14.50 horas e os domingos ás 12.50 horas.
Os voos entre Vigo e Sevilla iniciaranse o 16 de xuño con tres voos programados á semana con saídas os martes ás 09.05 horas, os venres ás 16.55 horas e os domingos ás 14.55 horas. Os traxectos de volta sairán dende Sevilla os martes ás 10.50 horas, os venres ás 18.40 horas e os domingos ás 16.40 horas.
CIDADES MEDIANAS
Pola súa banda, Claver asegurou que Galicia representa o tipo de mercado ao que se dirixe a compañía. "Somos a low cost das pequenas e medianas cidades e queremos facer que se poida viaxar a cidades europeas dende aeroportos medianos sen facer escalas", explicou.
Os billetes para estas novas catro rutas poderán comprarse a partir de mañá no portal 'www.volotea.com', mentres que para voar a Venecia dende Santiago xa se poden adquirir dende hai un mes. "E tivemos unha gran demanda, tanto de galegos que queren ir a Venecia, como de italianos que desexan vir a Santiago", destacou.
A compañía comezará a operar a partir do 26 de abril voando a 24 destinos dende a súa base no aeroporto de Venecia Marco Polo e, a partir do 1 de xuño, a outros 14 destinos máis dende o aeroporto de Nantes, en Francia.
Así, o mapa de rutas de Volotea inclúe ata o momento un total de 46 cidades, 10 delas españolas, en 10 países europeos. Ademais de en Santiago e Vigo, a low cost operará en Alicante, Bilbao, Ibiza, Málaga, Menorca, Palma de Mallorca, Sevilla e Valencia.
Neste sentido, Clavers non descartou que a compañía inclúa entre as súas futuras rutas ao aeroporto de A Coruña. "Non o descartamos e no futuro continuaremos expandíndonos por outras cidades", explicou.
"SERVIZO DE CALIDADE"
Claver tamén asegurou que os baixos prezos da compañía se van complementar "cun servizo de calidade". Neste sentido indicou que a empresa empregará o modelo de avión Boeing 717, de 125 prazas.
"Este auditorio non é tan grande como para que teñamos unhas taxas de ocupación baixas nin tan pequeno como para que teñamos uns custos unitarios por usuario moi elevados", asegurou.
IBERIA EXPRESS
En relación coa recente saída ao mercado da filial low cost do grupo Iberia, Iberia Express, Claver indicou que as dúas compañías "se dirixen a mercados diferentes".
Deste modo, o responsable de comunicación indicou que Volotea "pretende unir cidades medianas entre se" mentres que Iberia Express "enlaza cidades pequenas cos grandes aeroportos" para nutrir o propio tráfico de Iberia".
Volotea é unha compañía fundada por Carlos Muñoz e Lázaro Ros, fundadores no seu día de Vueling Airlines, e no seu conxunto de accionistas conta con fondos de investimento con experiencia no sector aeronáutico de España e Europa.