En Marea tacha de "infamia" a postura da Xunta na folga de xustiza

Yolanda Díaz, deputada de En Marea
CONGRESO
Publicado: viernes, 16 febrero 2018 15:08

Os representantes sindicais fan un chamamento a Alfonso Rueda a "dar a cara" e a asistir á reunión do luns

A CORUÑA, 16 Feb. (EUROPA PRESS) -

A deputada de En Marea no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz, tachou de "infamia" a actuación da Xunta en relación á folga de xustiza, á vez que anunciou a presentación de iniciativas no Congreso, así como unha reunión de traballadores co grupo parlamentario desta formación.

En declaracións aos xornalistas após un encontro con funcionarios da Administración de Xustiza na Coruña, Díaz mostrou o respaldo de En Marea ás demandas dos traballadores.

Deles, dixo que "defenden un servizo público" e que reclaman que se lles dea "o mesmo" que reciben os funcionarios doutras comunidades autónomas.

"É lamentable ter un Goberno que nunca está onde ten que estar", sinalou sobre a actuación do Executivo galego. Ademais, confirmou que presentarán iniciativas no Congreso para que o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, explique "por que permite esta infamia no caso de Galicia".

DEMANDAS A RUEDA

Pola súa banda, Javier Fernández, portavoz das centrais convocantes da folga na Coruña, anunciou que, coincidindo coa reunión que manterán a próxima semana co grupo parlamentario de En Marea en Madrid, secundarán "un acto" na capital española.

Mentres, instou ao vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, a dar "a cara" e a "non esconderse detrás dos micrófonos". En concreto, instáronlle a acudir á reunión convocada pola Xunta o vindeiro luns en Santiago.

Sobre este encontro, avanzou que levarán a proposta "que está encima da mesa" e que inclúe aspectos vinculados coa retribución salarial, pero tamén que se paralice a amortización de prazas e consolídense os reforzos, entre outros puntos.