A Mesa insta o Valedor a "explicar xa" se esixe a retirada dun libro de texto por reflectir un articulo do Estatuto

Carlos Callón, Presidente De La Mesa Pola Normalización Lungüística
EP/BLOG
Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 11 diciembre 2011 20:49

SANTIAGO DE COMPOSTELA 11 Dic. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización Lingüística instou o Valedor do Pobo a dar "explicacións inmediatas, públicas e claras" sobre a veracidade das informacións que afirman que o defensor esixiu a retirada dun libro de texto por reproducir o articulo 5.1 do Estatuto de Autonomía, "que sinala que a lingua propia de Galicia é a galega".

Nun comunicado, o presidente da plataforma en defensa do galego, Carlos Callón, considerou que "de ser certo" a entidade que preside "volverá reclamar aos tres partidos do Parlamento de Galicia a destitución de Benigno López", xa que, como indicou, "demostraría unha vez máis non estar capacitado para exercer un cargo de consenso que mellore a convivencia".

A este respecto, A Mesa asegurou que "os problemas" do actual defensor do pobo en Galicia coa lingua galega "chegaron dende o día seguinte á súa desafortunada elección". Unhas cuestións que, segundo criticou a plataforma, "demostran" que Benigno López, "non é Valedor do Pobo, senón do Partido Popular".

Callón apunta que "a fobia obsesiva contra a lingua galega" de López "xa provén dos seus tempos de maxistrado, cando se negaba a utilizar o topónimo A Coruña". Ademais, sinala, A Mesa "vive" esta actitude "cada semana, cando o Valedor se nega a tramitar a inmensa maioría das queixas" que lle remite.

Así, o presidente da plataforma lamenta que situacións "de persecución contra a cultura galega" se poidan dar "en pleno século XXI". "Primeiro o Goberno de Núñez Feijóo realizou a maior destrución de libros en galego dende o ano 1936 e agora queren prohibir un manual escolar porque reproduce o que di o Estatuto, isto é demasiado", sentencia e finaliza denunciando o que considera "unha caza de bruxas".

Contenido patrocinado