Minuto de silencio en Oroso (A Coruña) en repulsa polo crime de violencia machista

Minuto de silencio no Concello de Oroso (A Coruña).
EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 2 diciembre 2023 13:32

   SIGÜEIRO ( A CORUÑA), 2 Dic. (EUROPA PRESS) -

   Decenas de persoas gardaron este sábado un minuto de silencio no concello coruñés de Oroso polo crime de violencia machista no que un home matou á súa muller cunha arma branca e despois suicidouse.

   Veciños da localidade e a corporación municipal encabezada polo alcalde, Alex Doval, concentráronse ás 12,00 horas deste sábado diante do Concello en recordo da vítima.

   Doval fixo unha invitación á "reflexión colectiva". "A promoción de igualdade entre homes e mulleres, a súa construción real e efectiva, corresponde a todos", apuntou.

   Por iso, incidiu en que a igualdade "debe ser construída" no día a día, tanto no ámbito público como privado e, continuou, a violencia machista é a "expresión máis feroz" da violencia contra as mulleres e contra a desigualdade entre homes e mulleres.

   "Para combatela necesitamos avanzar, non só nas accións de sensibilización dirixidas á poboación en xeral, senón tamén en accións de prevención na adolescencia e na mocidade, nas medidas de detección, atención e protección ás vítimas", apostilou.

   Así mesmo, o alcalde remarcou que "só a través dunha fronte común" entre a sociedade e as institucións será posible "pór freo" ás violencias que sofren as mulleres.

   "Para iso é urxente que deixe de utilizarse a negación ou a banilización da violencia de xénero como "elemento de confrontación política e social", sentenciou.

FEITOS

   Os corpos, pertencentes a un home de 88 anos e unha muller de 80, foi a nora quen os atopou na mañá do venres cando chegou á vivenda, situada na rúa Castaños.

   O alcalde, preguntado polos medios, explicou que o home era a persona encargada de coidar á muller, aínda que tiña axuda familiar. A vítima, engadiu, tiña "moitos achaques", Alzheimer e Parkinson.

   O matrimonio non estaba empadroado en Oroso e o alcalde explicou que no concello vive moita xente do rural de Santiago que, cando chegan a certa idade, múdanse alí porque teñen os servizos máis preto.

   Con todo, no concello non haberá máis actos institucionais. O alcalde eloxiou a resposta dos veciños e remarcou que Oroso é un pobo solidario e nos momentos importantes "está unido".