Mobilización en Oleiros para esixir a Xunta e empresa "responsabilidades" polo esquecemento dun escolar nun bus

Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 2 octubre 2020 17:34

O equipo directivo dimite en solidariedade coa até agora directora e a CIG pide a renuncia do xefe territorial de Educación

OLEIROS (A CORUÑA), 2 (EUROPA PRESS)

Varias decenas de persoas concentráronse ante o CEIP Luis Seoane de Oleiros (A Coruña) para esixir "responsabilidades" á Xunta e á empresa en cuxo bus escolar quedou esquecido un menor de tres anos, así como para reclamar a reincorporación da directora, da que insisten que foi "obrigada" a dimitir. Mentres, a CIG pediu a dimisión do xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana.

Con presenza de representantes políticos como o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, a protesta quixo expresar publicamente o "total apoio" á até agora directora do centro, María Ruiz, ademais de instar á Consellería de Educación "a depurar responsabilidades coa compañía Eliseo Pita contratada para dar o servizo de transporte escolar".

Mentres desde a compañía eludiron facer declaracións, os pais insisten en que o feito de que o menor queda "case cinco horas" no bus --non chegou a baixarse do mesmo e non o levaron de volta até case o mediodía cando se decataron do sucedido--, "evidencia que nin o persoal de acompañamento revisou o vehículo ao final da ruta escolar nin o condutor cumpriu cos protocolos de limpeza e desinfección contra a Covid19".

Por outra banda, sosteñen que a orientadora e directora do centro "foi obrigada a dimitir de maneira improcedente e inxusta responsabilizándoa duns feitos totalmente fóra do seu alcance", algo que tamén denunciaron desde o centro, desde o que explicaron que desde o primeiro momento puxéronse en contacto coa familia do menor, que non chegou a ir ao colexio.

Desde a ANPA, vese "inxustificado" que se poida sinalar á directora como responsable do sucedido "xa que o menor en ningún momento chegou ao centro escolar". "Existen responsables claros como é o persoal de acompañamento dos menores e o propio condutor que non cumpriron cos seus deberes de control, nin os protocolos de revisión e limpeza do autobús".

Por outra banda, rexeitan que se poida alegar que a xa exdirectora "non informou a tempo á Inspección" e apelan a ter en conta a situación actual "na que o persoal escolar está totalmente desbordado e non chegan as horas para cumprir cos protocolos e actuacións esixidas pola Covid".

PRESENTAN UNHA QUEIXA

Polo sucedido, desde a ANPA confirmaron a Europa Press que os pais do menor non van denunciar os feitos ante a Garda Civil, pero si presentar unha queixa ante as autoridades autonómicas.

Na mesma liña que o fixo este xoves, após coñecerse o sucedido, o rexedor de Oleiros, Ángel García Seoane, volveu a culpar á empresa de transportes e á persona que realizaba as tarefas de coidado, que xa foi despedida, "contratados pola Xunta", remarcou, culpando a esta administración en última instancia.

Por outra banda, indicou que se dirixiu por escrito ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, co que tamén mantivo unha conversación telefónica. "Polo que me transmitiu espero que haxa cordura e que actúe como ten que facelo", indicou o alcalde, quen criticou a actuación da inspectora de Educación e do xefe territorial.

PETICIÓN DE DIMISIÓN

Deste último, CIG-Ensino esixiu o seu cesamento por "un uso improcedente do seu cargo público", ademais de apoiar á dirección do centro.

O sindicato denuncia tamén a existencia de "coaccións" á directora e confirma, como se publica tamén na web do centro escolar, que "todo o equipo directivo, por solidariedade, presentou a súa dimisión".

"As actuacións desta xefatura territorial responden a un evidente comportamento caciquil", sostén a central sindical, que remarca que o transporte escolar e as empresas que prestan este servizo "son contratadas e dependen directamente da administración polo que está é a última responsable do ocorrido".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado