La Nevera Roja pasa a mans do grupo alemán Rocket Internet

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 10 febrero 2015 14:48

SANTIAGO/MADRID 10 Feb. (EUROPA PRESS) -

A plataforma española de comida a domicilio La Nevera Roja, iniciativa dun mozo galego, pasou a mans do holding alemán Rocket Internet, dedicado á aceleración de 'startups', segundo informou a firma, que ten máis de 7.000 restaurantes afiliados e está presente en máis de 600 localidades españolas.

Tras este acordo estratéxico, La Nevera Roja formará parte do recentemente creado grupo Global Online Takeaway xunto con outras compañías de Rocket Internet como Pizzabo, Foodpanda, Delivery Hero e Hellofresh.

En concreto, La Nevera Roja acordou o traspaso do 100% do seu capital social a Rocket Internet, actual propietario da maior parte de Foodpanda e Hellofresh, nunha operación estratéxica na que o grupo tamén adquiriu a totalidade da empresa italiana Pizzabo e o 30% das accións da plataforma Delivery Hero.

O novo grupo Global Online Takeaway opera en 64 países e conta con 140.000 restaurantes agregados, segundo datos de peche do exercicio de 2014, aos que se sumarán os máis de 7.000 que achega La Nevera Roja.

La Nevera Roja naceu en 2011 e conta actualmente con máis de 600.000 usuarios activos na súa plataforma e unha rede de máis de 4.000 restaurantes asociados e logrou alcanzar os 200.000 pedidos en 2014. O pasado ano, o portal de comida a domicilio experimentou un crecemento anual do 600% e xerou ao sector máis de 40 millóns de euros.

Contenido patrocinado