Foto: EUROPA PRESS/REMITIDO
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Mar. (EUROPA PRESS) -
O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, expuxo o informe de xestión no XII Congreso dos socialistas galegos, no que defendeu: "Estamos mellor do que nos queren facer crer", para remarcar que, aínda que o balance "destes anos non pode ser triunfalista nin pode caer na compracencia", hai que valorar a resposta socialista en Galicia "baixo condicións extremas e nas peores circunstancias".
"Non o estamos a facer mal", defendeu Vázquez, tras agradecer "de corazón" a colaboración coa súa xestión nos últimos tres anos, na que ao seu xuízo, se construíu un PSdeG que "é a casa común da esquerda" en Galicia".
Nun discurso enchido de críticas ao labor de Alberto Núñez Feijóo á fronte do Goberno galego, Vázquez remarcou que "o máis positivo foi o labor do partido" do PSdeG, no que destacou a creación da escola de formación de dirixentes socialistas e a creación de estruturas provinciais, pero sobre todo: "Cumprimos a norma de incompatibilidades 'unha persoa, un cargo', para que todos esteamos onde temos que estar sin repetirnos", nunha afirmación que arrancou unha sonora ovación do público.
Por iso, tras erixir aos delegados en protagonistas deste XII Congreso do PSdeG, emprazou os socialistas a abrir o debate aínda que deixando claro que "debate si, polémica non, autocrítica si, demolición non".
Así, marcou como "obxectivo" chegar ao Goberno da Xunta nun discurso ante máis de 1.000 persoas no que non se contou coa presenza do expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño.
"DEBATE SOSEGADO"
Pola súa banda, o presidente do congreso, o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, expresou o seu desexo de que se produza "un debate de ideas sosegado" ao longo desta fin de semana, que permita dar resposta aos "miles de galegos que teñen confianza" no PSdeG.
"Ten que ser o congreso da confianza e da esperanza, porque sabemos gobernar e dar esperanza a xente", finalizou Orozco, apelando ao lema do congreso, 'Galicia, a nosa tarefa'.
(HABERÁ AMPLIACIÓN)