O plan para reducir burocracia en centros educativos pretende aforrar 120.000 horas por curso ao profesorado

O obxectivo é rebaixar a carga de traballo administrativo docente para que poidan destinar máis tempo a tarefas pedagóxicas

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educacion, Roman Rodriguez.
XUNTA
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 21 julio 2025 19:31

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o plan para reducir burocracia en centros educativos suporá un aforro de 120.000 horas por curso académico aos docentes e duns 600 pasos nos procedementos que se repiten ao longo do curso.

   Así o trasladou o titular do Goberno galego na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, á que acudiu acompañado do conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez.

   Tal e como lembrou o responsable de Educación, este plan deriva do acordo sindical asinado hai case dous anos pola Administración autonómica e tres dos catro sindicatos da Mesa Sectorial. Conta cun total de 46 accións con tres eixos principais: simplificación, dixitalización e actualización normativa.

   En primeiro lugar, sobre a simplificación, Rodríguez explicou que se pretende "racionalizar" toda a xestión documental dentro dos centros educativos, onde hai "unha enorme cantidade de documentos" que se deben elaborar e, deste xeito, evitar duplicidades. Para iso, actúase sobre un total de 50 procedementos cun horro de case 600 pasos administrativos que se replican varias veces ao longo de curso.

UNIFICACIÓN DE APLICACIÓNS

   Entre as accións previstas, destacou a Xunta, figura a redución e a unificación das aplicacións corporativas de xestión interna que manexan os centros e que están dirixidas a distintos perfís como profesores, orientadores, inspección ou servizos centrais, ou o deseño dun modelo 'en liña' unificado para a participación nos distintos programas educativos que pretende simplificar o proceso de solicitude dos centros, así como as memorias xustificativas, entre outros.

   Respecto da dixitalización, Román Rodríguez sinalou que se busca "incorporar todo tipo de ferramentas tecnolóxicas de Intelixencia Artificial" para "reducir e facilitar o traballo" do profesorado e tratar de mellorar a organización e seguimento dos procesos administrativos.

   En concreto, o titular da Consellería de Educación asegurou que crearán unha aplicación específica para atender a todo o que ten que ver coa atención á diversidade para que "se faga nunha plataforma que beba das diferentes fontes" e se teña acceso a "todas as probas de avaliación de diagnóstico en liña".

   En canto ao marco normativo, o conselleiro explicou que actuarán sobre a lexislación que regula "todos os ámbitos" para contar "cun soporte legal" para todos os cambios que se queren levar a cabo. Parte deles, avanzou, introduciranse na lei de educación dixital que queren presentar "antes de final de curso".

   Aquí incluirase tamén a firma dixital entre o profesorado e mesmo regular a súa obrigatoriedade en determinados procedementos. Isto, explicou a Xunta, permitiría reducir a xestión administrativa asociada a firmas manuais en informes internos.

   APP PARA As LISTAS DE SUBSTITUTOS

   Ademais, tal e como avanzou Europa Press, o plan de redución da burocracia contará tamén cunha aplicación informática para o chamamento dos profesores substitutos para evitar que os docentes teñan que estar pendentes do teléfono, como se realiza até o momento.

   O propio conselleiro recoñeceu que o modo actual "xera problemas". Así, preténdese unificar as bases de datos e "cando salte unha baixa dun profesional dun centro" comuníquese a través desta aplicación a baixa á persona interesada e a incorporación ao centro que corresponda.

    "Pretendemos que o profesor substituto teña maior garantía de que se se produce unha baixa lle chegue a información de maneira máis rápida e con total transparencia", puxo en valor Román Rodríguez.

NOVO SUPERCOMPUTADOR

   Doutra banda, o Consello da Xunta deu luz verde á adquisición dun novo supercomputador, o Finisterrae IV, que se instalará no novo edificio do Cesga, e un novo sistema de almacenamento por importe de máis de 25 millóns de euros, así como a compra dun computador cuántico por importe de máis de 9 millóns de euros.

   Este orzamento, destacou Alfonso Rueda, enmárcase nos 56 millóns de euros destinados ao Cesga ao longo da súa historia, para construír un novo edificio do centro e mellorar a súa capacidade coa adquisición de novos equipamentos.

   As actuacións realízanse con fondos europeos e autonómicos tras lograr captar 47,4 millóns de euros procedentes do mecanismo de recuperación e resiliencia, no marco do Perte Chip.

   Neste sentido, o titular do Goberno galego destacou que Galicia é a comunidade que conseguiu unha maior achega entre todos os membros da Rede española de supercomputación (RES).

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado