Pontón (BNG) chama a mobilizarse por Altri, que compara co Prestige, e anuncia unha batalla "política e legal"

Ana Pontón esta mañá na Universidade. - PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 14 marzo 2025 13:15

VIGO 14 Mar. (EUROPA PRESS) -

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou á cidadanía a mobilizarse pola "bomba ambiental" que suporá, ao seu xuízo, a instalación da multinacional Altri en Palas de Rei (Lugo), comparándoa co Prestige e anunciado unha batalla "política, social e tamén legal" para paralizar o proxecto.

Así o sinalou este venres ante os medios de comunicación após coñecerse que o Goberno galego determinou que a planta que proxecta a compañía pasteira lusa é viable, polo que lle concedeu o permiso ambiental para que poida continuar o procedemento.

Ela considerou que esta decisión "consuma a traizón a Galicia" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa que "pon por diante os intereses dunha multinacional" e arrisca "non só 8.000 postos de traballo" na comarca de Ulloa e na Ría de Arousa, senón "o propio desenvolvemento económico" da Comunidade.

Para Pontón, trátase dunha "bomba ambiental no corazón de Galicia", tachando de "tremenda irresponsabilidade" a decisión do Executivo autonómico que, para a nacionalista, "viste de carácter técnico unha decisión política", xa que "desde o primeiro momento" o PP "avalou o proxecto".

"O máis grave é que se puxo en marcha toda unha serie de actuacións destinadas a chegar a este punto e desde logo nós o que temos claro é que este proxecto non vai beneficiar a Galicia. Ao contrario, hipoteca o noso futuro", criticou.

Por esta razón, chamou á cidadanía a mobilizarse nos distintos actos convocados para dicir "alto e claro" que non se pode avalar a "imposición" dunha "macrocelulosa contaminante".

Ana Pontón tamén se referiu ao Goberno central, solicitándolle que sexa "claro" e lembrando que a viabilidade do proxecto depende, en parte, de que se lle adxudiquen uns 250 millóns de euros de fondos europeos.

Despois, a portavoz do Bloque insistiu en que "queda moito", apuntando de novo cara a unha batalla "política, democrática e, se fai falta, legal" para paralizar o proxecto, que suporía unha agresión "moi similar á que puido ser desde o punto de vista ambiental a do Prestige".

Pontón sentenciou as súas palabras indicando que Galicia "non quere industrias contaminantes" nin que se lle impoña "o mesmo modelo industrial do Franquismo".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado