SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Oct. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou a concentrar o voto no Bloque nas eleccións do 29 de novembro e apostou por lograr representación nas catro provincias galegas.
"Cada escano para o BNG será un escano menos para a dereita en cada unha das circunscricións", reivindicou a líder nacionalista nun acto na Casa das Máquinas de Santiago no que presentou ás cabezas de listas do BNG ao Congreso.
Acompañada por Néstor Rego (A Coruña), Carme da Silva (Pontevedra), Olalla Rodil (Lugo) e Noa Presas (Ourense), Pontón puxo en valor que o BNG leva "unha década imparable", mellorando os seus resultados "elección tras elección", algo que, augurou, repetirán nas eleccións xerais.
Así, defendeu que se necesita "un BNG con máis forza en Madrid" para reverter "a discriminación das forzas estatais" e para "pór a Galicia no centro das decisións".
Neste punto, Pontón recoñeceu que "a decepción" tamén vén de persoas que "querían máis políticas valentes", nun momento no que, subliñou, "non valen políticas tibias".
Por todo iso, a portavoz nacional do BNG mostrouse convencida de que a formación que lidera obterá "un gran resultado" e reivindicou "avances sociais" logrados nas Cortes Xerais cun deputado e unha senadora na última lexislatura, entre os que mencionou "descontos históricos" na AP-53 e na AP-9, así como "mellora de pensións" e a quita da débeda.
"Detrás de todos estes avances hai amor por Galicia", enxalzou Pontón antes de contrapor o labor dos nacionalistas fronte a un PP que "traballa para as grandes empresas".
Tamén criticou ao Goberno central que fora "abandeirado do gasto militar", incrementándoo, sinalou, "dunha forma descomunal". "Tamén queremos estar aí para dicir que hai outra política posible", destacou.
TODAS AS PROVINCIAS
Cuestionada sobre se concentrarán os esforzos na provincia da Coruña, onde as enquisas sinalan que a fronte nacionalista disputa un deputado con Vox, Pontón asegurou que "hai que apostar polo BNG en todas as circunscricións".
Neste sentido, argumentou que cada escano para o Bloque será "un escano menos para a dereita", ademais de servir para "ver a Feijóo na oposición".
Nesta liña, preguntada sobre con que resultado se daría por satisfeita na noite electoral, Pontón insistiu en que o obxectivo é "ter o mellor resultado posible".
"Aceptaremos o que din os galegos. Do que estou segura é de que nestes últimos anos vemos como o BNG é a forza que representa a alternativa fronte ao PP en Galicia. Iso tense que trasladar ás xerais porque nos vai a permitir defender mellor a vida dos galegos e que non haxa involución", reivindicou.
"CUMPRIMOS OS COMPROMISOS"
Pola súa banda, Néstor Rego puxo o foco "nos compromisos cumpridos" que, ao seu xuízo, son "a mellor garantía" para presentarse a estes comicios.
"O BNG cumpriu aquilo ao que se comprometeu: impulsar políticas sociais, conquistar dereitos sociais e ser muro de contención fronte á dereita", celebrou o cabeza de lista pola Coruña, que se mostrou satisfeito de "cumprir" e de poder pedir agora aos galegos "máis confianza no BNG".
Ademais, Rego puxo en valor que o Bloque é "a forza que lidera os intereses" dos galegos e "o antifascismo" antes de concluír lembrando a vitoria de Lula da Silva no Brasil. "Nós tamén venceremos", manifestou.
Mentres, Carme da Siva afirmou que o 29 de novembro "se o BNG está nas Cortes, está a voz de Galicia", xa que, engadiu, "o BNG pon na axenda estatal os problemas dos galegos".
Neste contexto, pediu dar "un salto adiante" para conseguir "máis peso político" que leve a ter "máis capacidade para influír" no Estado.
LUGO E OURENSE
"Imos facer que Ourense e Lugo conten", proclamou a cabeza de lista pola provincia ourensá, Noa Presas, que defendeu que no interior galego son conscientes "da importancia de ter máis peso político" e pediu a mesma confianza que nas eleccións autonómicas.
"Faremos historia unha vez máis", subliñou a tamén deputada no Pazo do Hórreo.
Á súa vez, Olalla Rodil asegurou que os nacionalistas saen "a por todas, sen dar ningunha circunscrición por perdida". "Demostramos que non temos teito e que cando quixeron impornos ese teito con prexuízos e prognósticos precocinados que tentan desmovilizar, rompémolo, conseguindo resultados históricos", aseverou o número 1 da lista por Lugo, que recoñeceu que os lucenses están "fartos" de "incumprimentos e de promesas que nunca chegan", pondo como exemplo a autovía A-54.
"Necesitamos ter capacidade, máis forza, máis poder e unha voz forte que defenda os intereses dos veciños de Lugo e iso pasa porque teñamos máis representación, máis deputados do BNG e que rompamos ese teito. Fagamos historia e teñamos a primeira deputada do BNG por Lugo", proclamou.