1064417.1.260.149.20260228125050
Archivo - A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á presidencia da Xunta, Ana Pontón, ofrece unha rolda de prensa após o seguimento da xornada electoral dos comicios autonómicos de Galicia, a 18 de febreiro de 2024, en Santiago de Compostela. - César Arxina - Europa Press - Archivo
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Feb. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, cumpriu 10 anos á fronte da formación que lidera desde 2016, un tempo que valora como unha "década prodixiosa": "Pasamos de ter unha organización que moitos dicían que estaba finiquitada, e que é certo que estivo nun momento moi crítico, a situarnos como a segunda forza política".
Esta é a lectura que fai Pontón deste período nun vídeo difundido polo BNG a través das súas canles sociais, no que a líder conclúe que a organización política é unha "alternativa" que "está preparada para gobernar o país".
Exemplifica o "cambio" que ve en Galicia "con moita claridade" no movemento contra Altri, que, nas súas palabras, conseguiu "torcerlle o pulso" ao Goberno galego. "É un síntoma claro de que hai un cambio en marcha e o BNG está a disposición de lideralo", opinou.
Cando asumiu o liderado en 2016, nas súas palabras, tiña "moi claro" que o Bloque tiña "un gran futuro por diante" se conseguía "reconectar coa sociedade: "Tiñamos que ver en que estabamos a fallar".
Admite que o "peor momento" que viviu como líder foi durante a campaña dese ano, no que as enquisas daban ao BNG entre 0 e 1 deputados, fronte aos 6 escanos finalmente obtidos. "Houbo un momento no que dixen ao meu equipo: 'Mira, non me pasedes máis 'trackings' porque non quero saber nada das enquisas", rememorou.
En contraposición, destacou "polo seu simbolismo" a noite electoral de 2024, na que o BNG alcanzou un "resultado histórico", con 25 escanos e case 500.000 votos, que os situaron como segunda forza e líderes da oposición no Parlamento de Galicia.
FUTURO E MILITANCIA
De cara ao futuro da formación, o seu líder chamou a "non dar nada por feito" e seguir trabjado "con moita humildade e coa man tendida a todos eses galegos e galegas que levan a Galiza no corazón".
"Se chegamos até aquí foi grazas á militancia. Outra en circunstancias tan adversas terían tirado a toalla, pero a militancia e simpatizantes desta organización estiveron aí sempre, erguendo este proxecto, e sei que con elas e con eles todo é posible", reflexiona.