O PP cre que "non é de recibo" que Alcoa "castigue" A Mariña por "a inactividade" do Goberno central

Europa Press Galicia
Publicado: sábado, 10 octubre 2020 14:45

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Oct. (EUROPA PRESS) -

   O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, lamentou que Alcoa, á que acusa de obrar "de mala fe", "castigue" aos traballadores e a "toda" a comarca da Mariña por "a inactividade" do Goberno central "negándose a aprobar" durante dous anos o estatuto do electrointensivo "que lles permitiría competir no contexto internacional".

   Así se pronunciou Tellado nunha rolda de prensa celebrada na mañá deste sábado na sede do PPdeG, onde afirmou que, coa decisión de executar o despedimento colectivo de máis de 500 traballadores e hibernar as cubas de electrolisis, "queda claro" que Alcoa "nunca quixo vender" a planta de aluminio, senón que buscaba "dilatar os prazos" e "enganar ás administracións, a unha comarca enteira e a toda Galicia".

   Neste sentido, apelou a traballar "de forma coordinada" entre os gobernos central e autonómico para que a planta de San Cibrao "siga operativa", xa que "Galicia non pode prescindir da única fábrica de aluminio primario" que funciona en España.

   Así mesmo, Miguel Tellado acusou á multinacional estadounidense de "tomar como reféns a un milleiro de traballadores para vingarse das prácticas" do Goberno de España, ao que acusa de abandonar " desde hai dous anos" á factoría mariñá.

   "Non é de recibo que castigue ás familias e á comarca pola inactividade do Goberno, negándose a aporbar o estatuto electrointensivo que lles permitiría competir no contexto internacional", incidiu o tamén deputado autonómico, que apelou a que Alcoa "aínda está a tempo de rectificar".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado