REAL ACADEMIA GALEGA - Archivo
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Jul. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, asegurou que percibe "un clamor" para que os partidos políticos dialoguen e "se poñan de acordo" para sentar "as bases do futuro da lingua galega".
Así o manifestou na súa intervención este venres na clausura dos cursos de lingua e cultura galegas 'Galego sen fronteiras', unha semana despois de que a Xunta presentase a proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística e tras a ausencia do BNG na primeira reunión entre os grupos parlamentarios para analizar o documento.
Neste contexto, o presidente da Academia instou aos gobernantes e dirixentes políticos a que "se poñan de acordo, senten, falen e non busquen desculpas para non dialogar e non chegar a acordos".
Uns acordos que, en opinión de Monteagudo, son "fundamentais" para garantir o futuro da lingua galega que, lamentou, "corre risco".
Xunto a el, na mesa de clausura destes cursos, participou tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a quen transmitiu ese "sentimento" que, segundo apuntou, está a recoller "de moita xente".
"É imprescindible que teñades unha actitude de falar entre as distintas opcións políticas porque tedes que porvos de acordo para sentar as bases que nos permitan contemplar as bases do futuro da lingua cun pouco máis de tranquilidade que temos hoxe", subliñou o presidente da RAG.