SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Abr. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Sanidade publicou este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto do novo concurso de méritos, sen oposición, para asignar no Servizo Galego de Saúde (Sergas) un total de 423 prazas consideradas de difícil cobertura.
En concreto, esta segúnda oferta, que simula o proceso finalizado o pasado marzo polo que se cubriron 106 vacantes de médicos especialistas de Atención Primaria, inclúe 132 postos fixos para este nivel asistencial, outros 116 no sete hospitais comarcais galegos e 175 dentro do plan de saúde mental.
Este último é o grupo máis grande, con 175 prazas para médicos especialistas en Psiquiatría (44) e Psicoloxía Clínica (37), así como enfermeiros de Saúde Mental (94).
O segundo grupo máis numeroso é o destinado á Atención Primaria, con 132 vacantes que se repartirán entre 72 de facultativos especialistas e outros 60 de pediatras.
En canto aos sete hospitais comarcais --situados en Cee, Ribeira, Burela, Monforte, Verín, O Barco de Valdeorras e Vilagarcía de Arousa--, contarán nesta convocatoria con outros 116 especialistas fixos.
Máis en detalle, serán 22 novos especialistas en Medicina Interna, 12 en Pediatría, 11 en Cirurxía Ortopédica, nove en Urxencias Hospitalarias, nove en Obstetricia e Xinecoloxía, outros nove en Cirurxía Xeral e Dixestiva, e sete en Radiodiagnose.
Ademais, hai previstas cinco prazas en Anestesioloxía e Reanimación, catro en Farmacia Hospitalaria, catro en Oftalmoloxía, tres en Análises Clínicas, tres en Hematoloxía e Hemoterapia, dous en Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía, dúas en Endrocrinoloxía e Nutrición, dúas en Hospitalización a Domicilio, dúas en Otorrinolaringoloxía e unha para as seguintes especialidades: Alergoloxía, Anatomía Patolóxica, Aparello Dixestivo, Cardioloxía, Medicina Física e Rehabilitación, Microbioloxía e Parasitoloxía, Nefroloxía, Neuroloxía, Reumatoloxía e Uroloxía.
Cabe destacar que, do total de 423 prazas ofertadas, 22 están reservadas para persoas con discapacidade e o 25 por cento de cada especialidade poderase cubrir a través do sistema de promoción interna --se, ao aplicar esta porcentaxe, a proporción é igual ou superior a 0,5 prazas, compútase como unha--.
"TRAMITACIÓN ÁXIL"
Segundo explica o decreto asinado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que publica este mércores o DOG, buscarase unha "tramitación áxil" deste proceso selectivo incluído na oferta pública de emprego (OPE) para este 2023.
E é que a coinvocatoria responde á "inexistencia de aspirantes" nas listas de selección temporal de determinadas especialidades e áreas, así como á "non solicitude dos postos" no concurso de traslados aberto e permanente.
O proceso, cuxas bases se publicarán proximamente, terá en conta a finalización da formación sanitaria especializada este mes de maio. Por iso, o prazo para que os aspirantes acheguen a titulación requirida estenderase até o último día do prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos e excluídos.
Por este mesmo motivo, Sanidade dará outro prazo de 10 días hábiles para que, na fase final do concurso, as persoas que opten aos postos poidan presentar a documentación que acredite que cumpren os requisitos.
As 423 prazas de persoal estatutario fixo do Sergas son para vacantes que ou non estaban cubertas ou o estaban, pero a través de persoal eventual. A permanencia mínima nestes destinos é de polo menos dous anos.