Quintana defende o papel de pesqueiras en terceiros países e lamenta a visión "inxustamente" negativa da UE

O sector terá un papel relevante no III Plan Director de Cooperación que prepara a Xunta

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 17 diciembre 2013 21:51

VIGO, 25 Oct. (EUROPA PRESS) -

A conselleira do Medio Rural e do Mar da Xunta, Rosa Quintana, defendeu este venres o papel das empresas pesqueiras galegas en terceiros países (en vías de desenvolvemento) e lamentou a visión "inxustamente" negativa que delas existe no seo da Comisión Europea.

Así manifestouno durante a inauguración dunha xornada celebrada na Cooperativa de Armadores de Vigo sobre o caso de Namibia e o papel das empresas do sector como actores de cooperación ao desenvolvemento pesqueiro. A conselleira reiterou a súa "decepción" polo "nulo caso e incomprensible cegueira" que se reflicte na reforma da política pesqueira común (PPC) a este respecto.

Nese sentido, recordou que a Xunta elaborou un estudio profundo, en colaboración coa Universidade da Coruña e con empresas do sector, sobre o caso concreto de Namibia, e apostou por dar un "xiro" á imaxe "inxustamente negativa" do sector que pesou na posición da comisión europea.

A conselleira reafirmou o seu "compromiso" para dar un "especial pulo" ás empresas pesqueiras no exterior, e para que a política pesqueira común "fuxa de tópicos".

Así mesmo, na inauguración deste foro, o director de relacións exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, confirmou que o III Plan Director de Cooperación que prepara a Xunta reservará un papel relevante para as empresas do sector pesqueiro.

OUTRAS CUESTIÓNS

Por outra parte, a preguntas dos xornalistas a finalizar o acto, Rosa Quintana referiuse aos fondos europeos de pesca, e sinalou que, nesta nova etapa en que se inician os trílogos (Pesca-Comisión-Parlamento), a Xunta "seguirá apostando por cambiar a imaxe negativa das empresas no exterior, aínda que precisou que "algunhas cousas xa están a cambiar", en referencia á disposición de modificar as cotas de pesca.

Tamén fixo mención ao acordo pesqueiro con Mauritania, e recordou que, "dende o primeiro momento", o Goberno galego manifestou o seu desacordo. Segundo sinalou, "se tivo que renegociar e se conseguiron certas melloras", e augurou que "a comisaria terá que cambiar a súa estratexia de negociación".

Contenido patrocinado