VIGO 15 Mar. (EUROPA PRESS) -
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, confía en que Pescanova, que recentemente solicitou preconcurso de acredores, "siga mantendo a vinculación con Galicia", ao tempo que reiterou que a Xunta está disposta a apoiar á empresa tanto dende o punto de vista institucional como do económico.
En declaracións aos medios en Vigo realizadas este venres, día en que a banca acredora de Pescanova se reúne en Madrid para xuntar unha postura común sobre como negociar a débeda da compañía, Quintana asegurou que a Xunta está "preocupada" pola situación dunha empresa que é "emblemática" en Galicia. Non obstante, tras recoñecer a súa "intranquilidade", tamén precisou que no Goberno galego están "tremendamente confiados" en que "saberá resolver os seus problemas e salga adiante".
Tamén destacou que a Xunta permanece "expectante por se nalgún momento" o Consello de Administración ou ben o presidente da compañía necesitasen que a Xunta, tanto institucional como economicamente, puidese axudar.
Nese sentido, destacou que se trata dunha empresa con grande cantidade de traballadores e que é unha multinacional galega presente en moitos países. Así, reiterou que permanecen "expectantes e esperando que todo se resolva ben".
En canto á posibilidade de que un cambio no conxunto de accionistas levase consigo unha perda de peso galego na multinacional, mantivo que a vinculación desta empresa coa comunidade "é clara e permanente", polo que esperou que "se siga mantendo esta vinculación con Galicia", engadiu.