SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Nov. (EUROPA PRESS) -
A Real Academia Galega (RAG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentaron este mércores 'Superheroínas', unha serie que dá voz a sete mulleres recoñecidas en Galicia polo seu campo profesional e na que se busca fomentar o uso diario do idioma galego.
Trátase da segunda iniciativa que ambas as institucións lanzan no marco do proxecto 'Novas voces para a lingua'. Nesta ocasión, as protagonistas son a chef Lucía Freitas, o poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista creadora do espazo 'Dígocho Eu' Esther Estévez, a fotógrafa Antía Castro e a instagramer Paula Jorge Horta.
'Superheroínas', que conta con financiamento da Xunta, foi presentada este mércores na Facultade de Ciencias da Comunicación da capital galega nun acto ao que asistiu o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a decana do centro, Ana Isabel Rodríguez. A serie consta de breves pezas dirixidas por José Manuel Diego Ferreira no marco do seu traballo de fin de grao (TFG), cando era estudante de 4 de Xornalismo.
O primeiro episodio, con Lucía Freitas como protagonista, está xa dispoñible nas páxinas web da RAG e da USC, así como nas súas redes sociais. En próximas semanas estrearanse os seguintes capítulos deste traballo que pretende "desacralizar e levar a contraria", explica o seu director, a aqueles medios de comunicación que "non dan oco" aos mozos.
"Ademais, é un proxecto que lle leva a contratia a ese discurso de lingua como peza de museo, e é un proxecto que busca apoderar á muller, que busca mostrar a unha muller que usa o idioma no seu día a día", subliña José Manuel Diego Ferreira no vídeo de presentación de 'Superheroínas'.
Pola súa banda, o presidente da RAG celebrou os froitos que ofrece 'Novas voces para a lingua', xa que naceu "coa intención de darlles voz aos novos creadores e creadoras que, no ámbito da comunicación e do audiovisual, queren mostrar o seu compromiso" co idioma.