Regades inicia o seu terceiro mandato no PSOE de Pontevedra cunha chamada a "cargar pilas" para recuperar a Deputación

A executiva continuará con Luís Gómez Piña como responsable de Organización e con Paula Fernández á fronte de Estratexia Política

David Regades inicia o seu terceiro mandato no PSOE de Pontevedra
PSDEG
Europa Press Galicia
Publicado: sábado, 3 mayo 2025 18:52

PONTEVEDRA, 3 May. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PSOE de Pontevedra, David Regades, iniciou o seu terceiro mandato cunha chamada a "cargar pilas porque hai moita xente que quere que o PSOE goberne España, Galicia, a provincia e o seu municipio".

No 5º Congreso provincial, Regades subliñou o tres alicerces do seu proxecto político: socialdemocracia, municipalismo e feminismo. Apela a traballar "en beneficio desta provincia" de forma que "as ideas volvan entrar pola porta do despacho da Presidencia da Deputación".

Así mesmo, resaltou que o socialismo loitará "cun sorriso" fronte a "os insultos, berros e agresión constante" da dereita e a ultradereita.

Uns 200 delegados de 61 agrupacións participaron nunha cita presidida polo portavoz municipal socialista en Pontevedra, Iván Puentes.

Regades leva no cargo desde 2017. "Son xa o decano de Galicia e iso é froito da unidade", asegura. Deixa claro que a provincia "necesita a este Partido Socialista vertebrado, cohesionado e ocupado en mellorar a vida da xente para que ninguén quede atrás".

EXECUTIVA

Pola súa banda, a comisión executiva contará con 52 persoas con presenza de todas as comarcas. A silledense Paula Fernández seguirá como vicesecretaria xeral de Estratexia Política. Gloria Blanco Rial (Pontevedra) pasa a ocupar a vicesecretaría de Estratexia Social e Álvaro Carou García (Vilagarcía) estará na vicesecretaría de Estratexia Territorial.

Entre outros cargos, o alcalde da Cañiza e deputado en Cortes, Luís Gómez Piña, continúa como secretario de Organización.

O Comité de Ética queda integrado por: Margarita Castejón (Pontevedra), Jaime Aneiros (Vigo), Ánxeles Domínguez (O Grove) e Xulio Calviño (Vigo).

Finalmente, para a incorporación ao Comité Federal do PSOE apróbase a designación do alcalde de Vilagarcía e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado