Resumo Prestige.- López Sors asume a primeira decisión de afastar o buque e defende que era a única "alternativa"

Di que estaban "convencidos" de que o mar ía actuar como "unha central química lavando" o fuel verquido en alto mar

José Luis López Sors declara en el juicio del Prestige.
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 22 noviembre 2012 18:25

A CORUÑA, 22 Nov. (EUROPA PRESS) -

O exdirector xeral da Mariña Mercante cando aconteceu o accidente do 'Prestige', José Luis López Sors, defendeu que a administración marítima española fixo "un bo traballo" ante a peor marea negra que sufriron as costas galegas e xustificou o afastamento do buque, tras o seu accidente o 13 de novembro de 2002, tanto nas primeiras horas coma nas posteriores.

"Quedamos sen alternativas", indicou, a preguntas do avogado de Nunca Máis, Pedro Trepat, ao que replicou sobre a posibilidade de levalo á Ría de Corcubión que, de facelo, "estaría co señor Mangouras no cárcere", en referencia ao capitán do 'Prestige', que tamén está acusado no xuízo polo sinistro do petroleiro.

Esta foi a principal tese defendida por López Sors no xuízo, no que asumiu a responsabilidade sobre o afastamento do buque nas primeiras horas e dixo que se adoptou ante o "risco de afundimento" que se transmitiu dende o propio barco.

En concreto, López Sors, quen solicitou utilizar o sistema de tradución porque dixo que non entendía o galego, aínda que é natural de Ferrol, indicou que a decisión foi para que se afundise "lonxe da costa" e "minimizar" os danos ambientais. Pola contra, atribuíu a unha "decisión colectiva" do organismo reitor -creado tras a catástrofe marítima- que se mantivese a medida, unha vez endereitado o 'Prestige'.

SEN ALTERNATIVAS

Así, explicou que se mantivo a decisión de afastalo coa intención de "separar" o 'Prestige' da costa e co obxectivo de que superase "o dispositivo de separación de tráfico", a 30 millas da costa galega. Con iso, pretendíase, segundo o seu testemuño, entregalo aos armadores, unha vez que chegase a empresa "rescatadora", Smit Savage.

Antes, dixo que se formularon outras alternativas como o transvasamento da mercadoría ou levar o barco a un porto como o de A Coruña. Non obstante, descartou que se estudase a opción da Ría de Corcubión xa que, ao seu xuízo, isto provocaría maior contaminación.

CONVERSACIÓNS CON FOMENTO

Preguntado polas medidas adoptadas nos primeiros momentos, asegurou que el "ditaba" as decisións e que non necesitaban unha "aprobación" dos seus superiores. Tamén precisou que as transmitía ao subsecretario do Ministerio de Fomento e non ao daquela ministro Francisco Álvarez Cascos, que declarará como testemuña no xuízo.

"A min o ministro podíame chamar e algunha vez chamoume, pero non sei o que estaba a facer", engadiu ao ser preguntado polo letrado de Nunca Máis acerca de se se encontraba de caza, como o daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga. Non obstante, precisou que na noite do 13 de novembro falou co exministro.

RUMBO ERRÁTICO

Outra das cuestións que centrou o xuízo foi o "rumbo errático" seguido polo barco nos días posteriores ao accidente e antes do seu afundimento, o 19 de novembro. Sors atribuíu aos capitáns dos remolcadores, o 'Sertosa' e 'Ría de Vigo', a traxectoria fixada.

Tamén rexeitou calquera responsabilidade respecto ao "rumbo errático" que iniciou o barco tras o seu afastamento. En concreto, apuntou que a empresa "salvadora", Smit Savage, era a que "mandaba". "Nós non podiamos decidir sobre ese rumbo, podiamos suxerir", sentenciou.

Mentres, o exdirector xeral da Mariña Mercante mostrouse crítico coa actuación do capitán do petroleiro. En particular, cuestionou que se atrasase o remolque "por se era caro ou non", apostilou tras declarar Mangouras que non o aceptou antes porque tiña que esperar ordes da armadora.

Pola contra, defendeu o labor doutros membros da tripulación, ao relatar o rescate "dun rapaz de 16 anos que estaba a chorar". Ademais, acusou de "desculpa doada" o argumento de que unha "onda xigante" golpeou o barco o día do accidente.

CONTAMINACIÓN

Por outra banda, dixo que o barco, que se afundiu o 19 de novembro de 2002 a máis de 200 quilómetros da costa, contaminou "dende o primeiro momento ata o último" e acusou de "percepción" as manifestacións do inspector marítimo Serafín Díaz -que subiu ao barco para poñelo en funcionamento- nas que dixo que o día 13 "apenas verquía fuel".

Non obstante, sobre o fuel verquido polo buque en alto mar indicou que entendían que "todo o que se recollese no mar", en referencia aos medios dos que se dispoñía, "non chegaría á costa". E por outra banda, estaban "convencidos" de que o mar actuaría coma se o fuel "estivese nunha central química lavando ese produto", comparou Sors, quen remarcou que o dano do 'Prestige' foi "inferior" ao do 'Erika' en Francia.

Tras as preguntas de Nunca Máis e a organización ecoloxista Arco Iris, o seu interrogatorio proseguirá o próximo martes, día 27. O exdirector xeral da Mariña Mercante, admitiu contestar só á estes letrados, á Fiscalía, Avogacía do Estado, Xunta de Galicia e Mare Shipping, así como avogados das defensas.

Contenido patrocinado