César Arxina - Europa Press
O PINO (A CORUÑA), 2 Jul. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, advertiu ao Goberno central que Galicia "pedirá o que lle corresponde" en materias como os fondos europeos, a sanidade e as infraestruturas: "Galicia non quere quitarlle nada a ninguén, pero non imos deixar que nos quiten absolutamente nada".
Así o proclamou durante a súa intervención na Romaría Popular do Pino organizada polo PP da Coruña, unha tradicional cita que se volveu a celebrar este sábado cuns 4.000 militantes despois de dous anos de interrupción pola pandemia da covid-19.
O líder do PP galego aproveitou o seu discurso para reivindicar ao Goberno estatal que envíe os trens Avril á Comunidade. "O tren AVE tiña que estar e aínda non chegou. Imos dicilo", exclamou.
Ademais, Rueda recoñeceu que o sistema sanitario ten "moitos problemas" coa falta de profesionais, pero reivindicou que a Xunta está "a facer a parte que lle toca". "Pero hai decisións do Goberno central que hai que tomar e non se están tomando, hai que dicilo tamén", engadiu.
Xunto a isto, referiuse tamén aos fondos europeos 'Next Generation' para animar a todo o partido a "alzar a voz" contra o Executivo estatal para que dea "resposta para crear riqueza" cos proxectos tractores deseñados pola Xunta.
Nesta parte da súa intervención, Alfonso Rueda dirixiuse ao presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, para garantirlle que o partido seguirá "unido" tras a súa marcha e "facendo o que teñen que facer": "Sabendo as nosas responsabilidades e as nosas obrigacións, sabendo que hai cousas que mellorar e farémolo, non contándolle historias a ninguén e, por suposto, reclamando o que hai que reclamar e a quen haxa que reclamar".