993855.1.260.149.20250710174520
A ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, mantén un encontro cos medios de comunicación, na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela, a 10 de xullo de 2025, en Santiago de Compostela, A Coruña, Ga - César Arxina - Europa Press
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jul. (EUROPA PRESS) -
A ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, lembrou a "solidariedade" de todas as comunidades autónomas, entre elas Galicia, na acollida de menores migrantes non acompañados cando estalou a guerra de Ucraína e pediu o "mesmo" trato para os procedentes do norte de África.
Así se pronunciou ao ser preguntada este xoves nun acto en Santiago pola decisión da Xunta de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o Real Decreto Lei sobre a repartición de menores migrantes ás comunidades autónomas.
Respecto diso, a ministra lembrou que unha maioría parlamentaria sacou adiante no Congreso a "modificación do artigo 35 da lei de estranxeiría", un cambio detrás do que estaba a "solidariedade" do "conxunto das comunidades" para asumir a súa competencia de atención aos menores non acompañados "dunha forma normal e sen facer ruído" despois da "invasión de Putin en Ucraína".
Elma Saíz, que sostivo que esta competencia se "asumiu e cumpriuse", lembrou que "hai máis de 7.000 menores, nenos e nenas non acompañados procedentes de Ucraína" ante os que "todas as comunidades deron resposta". Dito isto, preguntouse "cal é a diferenza entre os menores non acompañados ucraínos e os menores non acompañados que veñen do norte de África". "Quero pensar que a resposta ten que ser a mesma", afirmou.
A ministra lembrou que a lei de estranxeiría sinala que todas as comunidades autónomas teñen que asumir as súas responsabilidades en relación a esta competencia e puxo en valor tamén os "recursos" postos polo Goberno a disposición das rexións para dar unha resposta.
"Así que basta de hipocrisía e dunha vez por todas cunmplamos a lei, unha lei que saíu adiante coa maioría da cámara lexislativa", finalizou.