A sanidade galega contará cunha rede telemática de profesionais para apoiar á poboación a deixar de fumar

Comesaña lanza o Plan Inspira Saúde 2023-2027 e chama a "predicar co exemplo" e cumprir a lei en hospitais e centros de saúde do Sergas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, na presentación do Plan Inspira Saúde en Galicia 2023-2027.
XUNTA
Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 31 mayo 2023 17:07

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 May. (EUROPA PRESS) -

   O Servizo Galego de Saúde (Sergas), a través da súa plataforma telemática 'Telea', contará cunha rede de apoio e seguimento de profesionais especialistas en tabaquismo para axudar á poboación a deixar de fumar.

   Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante unha xornada celebrada este mércores 31 de maio, Día Mundial sen Tabaco, no edificio administrativo do Sergas en San Lázaro que serviu para oficializar a posta en marcha do Plan Inspira Saúde 2023-2027.

   O obxectivo desta folla de ruta, elaborada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta, é reducir a prevalencia do consumo de tabaco diario na poboación adulta por baixo do 15% de cara ao ano 2027. A meta para os adolescentes será baixar do 5%.

   Este plan será "un punto de inflexión" na loita contra o tabaquismo en Galicia, tal e como o definiu o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal. Tamén interviñeron no evento a responsable de Saúde Pública, Carmen Durán, a subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables, Silvia Suárez, e o profesor de Farmacoloxía da Universidade de Cantabria, Francisco Javier Ayesta.

MEDIDAS DO PLAN

   Nas liñas xa avanzadas polo presidente galego, Alfonso Rueda, a semana pasada tras a reunión semanal do Goberno autonómico, o titular de Sanidade concretou este mércores, no seu discurso de apertura da xornada, que o Sergas contará con esa "rede de apoio á cesación tabáquica con seguimento dos profesionais especialistas".

   Para iso empregarase 'Telea', unha plataforma de asistencia domiciliaria integrada que facilita o acceso telemático do cidadán a diversos servizos asistenciais e, á vez, permite aos sanitarios ter un control dos pacientes no seu domicilio.

   Ademais, García Comesaña remarcou, no ámbito do plan, que o Sergas elaborará un perfil epidemiolóxico que defina os condicionantes que se relacionan cun alto risco de padecer enfermidades relacionadas co tabaquismo, "algo que será posible grazas ao 'big data'" da historia clínica electrónica.

"CIFRAS QUE NON NOS DEIXAN TRANQUILOS"

   Co novo plan, a Xunta chama a traballar "de maneira íntegra contra a prevención, o diagnóstico temperán" do tabaquismo e o "tratamento posterior". E é que, a peche de 2021, case o 21% dos galegos de 16 ou máis anos eran fumadoras e o 16% consomen tabaco a diario.

   "Son cifras que non nos deixan tranquilos e son moi altas", lamentou o conselleiro, para tentar desmentir "a percepción de que agora se fuma menos". Neste contexto enmárcase o obxectivo de reducir o consumo por baixo do 15% en catro anos: "Alguén pode pensar que é pouco ambicioso, pero máis vale plans realizables que non alcanzables".

   García Comesaña subliñou que o novo Plan Inspira Saúde, que o seu departamento busca "facer realidade" desde xa, segue as recomendacións do Plan Europeo contra o Cancro e parouse especialmente na lema da Organización Mundial da Saúde para este Día sen Tabaco 2023: 'Cultivemos alimentos, non tabaco'.

   O máximo responsable de Sanidade enumerou outras das medidas avanzadas polo presidente da Xunta a semana pasada, como a promoción de máis espazos libres de fume ao aire libre --prazas públicas, campus universitarios, piscinas descubertas e campos de fútbol--, a maiores das 214 praias e 18 parques galegos que xa están así fixadas. Este veto tamén afectará a dispositivos como vapeadores e cigarros electrónicos, porque son "a principal entrada" dos máis novos ao tabaquismo.

PROGRAMA PILOTO

   No ámbito sanitario, o plan contempla tamén un programa piloto de diagnóstico precoz de cancro de pulmón e doutras enfermidades provocadas polo consumo de tabaco, como a hepoc (enfermidade pulmonar obstructiva crónica).

   Así mesmo, fixarase o 31 de outubro como 'Día Galego sen Tabaco' e deseñaranse medidas e campañas de formación e prevención dirixidas aos adolescentes, principalmente a través das redes sociais. "Que sexan elas e eles os que descubran os beneficios de non empezar ou de deixar o consumo de tabaco", puntualizou García Comesaña.

   Dito isto, e saíndose "do guión", o conselleiro avogou por "ser autocríticos no ámbito sanitario" e a pór o foco no cumprimento da lexislación nas inmediacións dos hospitais e os centros de saúde, onde fumar está prohibido, igual "que se está cumprindo nos bares".

   Xunto a todo iso, García Comesaña mencionou a tramitación da lei galega de prevención de adiccións en menores, que incidirá non só no tabaco, senón tamén en asuntos como o alcol e o cannabis, para tentar que os mozos aumenten a súa "percepción de risco".

   Quen cualificou o novo plan como "punto de inflexión" foi o director xeral de Asistencia Sanitaria, que proclamou que "a partir de hoxe van cambiar cousas que van impactar directamente na saúde dos galegos".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado