SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Oct. (EUROPA PRESS) -
Desde este luns e até o vindeiro domingo 29 de outubro, Santiago de Compostela encherase de poesía e música coa segunda edición do 'Festival Luz Poética', un evento que pon en valor a poesía nova galega.
A concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, e o director do festival, Diego Horschovski, presentaron este luns un amplo programa con talleres, rutas e recitais, onde se darán a coñecer novas voces deste ámbito.
O nome do festival está inspirado na figura da poeta compostelá Luz Fandiño, "inspiración para toda unha xeración de mozas de Galicia", tal e como destacou Diego Horschovski.
"A poesía nova está moi viva e ten menos prexuízos e moito máis rock&roll do que estamos afeitos", reivindicou o organizador do festival, que sinalou tamén que este evento é "unha porta de entrada" para poetas que "están nas marxes" e queren atopar un oco para a súa expresión en sitios da cidade.
Tamén Miriam Louzao quixo pór en valor un proxecto que toma o nome de Luz Fandiño, "poeta compostelá que fai cidade e fai país con cada unha das súas accións cada día".
PROGRAMACIÓN
Así, este luns haberá unha ruta poética que consistirá nun percorrido entre entidades locais "comprometidos coa cultura de base da cidade", como a Escola Berenguela, as librarías Couceiro e Lila de Lilith e a Casa do Taberneiro, onde concluirá o percorrido que unirá a zona histórica coa rúa de San Pedro.
O martes será a presentación de 'Tempo dos Lagartos', das autoras Raquel Senra e Carlos Negro. Celebrarase na Libraría Numax e a entrada é gratuíta. Xa pola noite haberá 'Noite no Modus: Man a Man', un recital a dúas voces con Silvia Pena e Samuel Merino e actuación musical de Elena Egea.
Na seguinte xornada, o mércores, haberá un taller de poesía expandida impartido por Nuria Vil na Casa do Taberneiro. Ás 21,00 horas, no Riquela, comezará a sexta temporada do Poetry Slam Compostela.
Para o xoves, está previsto un taller de regueifa e rap impartido por Alba María e, a continuación, no Riquela, celebrarase 'A Bailasión', cun concerto da agrupación 'Dúbida'. O venres, o espazo X da cafetaría do CGAC acolle, ás 20,30 horas, o espectáculo de improvisación poética-musical 'Improversados'.
Tamén haberá espazo para os máis pequenos con 'Luziñas', unha nova sección de contacontos da man de Fran Guede. Será ás 12,30 horas na Libraría Couceiro. Ao mesmo tempo, celebrarase un vermú poético no Riquela, con Laura Bugallo, Alfredo Vázquez, San Rego e Paula Pier.
Esa mesma tarde, na Libraría Couceiro reuniranse Branca Trigo, David Trashumante, Antón Lopo e Branca Novoneyra ao redor dunha mesa redonda sobre poesía e actualidade moderada por Diego Horschovski.
Finalizará a xornada cun recital de poesías do mundo no Modus Vivendi con catro poetas da India, Quebec, Aragón e Cataluña, que recitarán nas súas linguas orixinarias.
Por último, o domingo, no Camalea, a partir das 12,00 horas, poderase ver o espectáculo poético musical de Andrea Valle e Elena Fernández: Banaia Ela.
O broche final desta segunda edición porao o evento 'De Rosalía de Castro a Luz Fandiño', que se unen nas voces de "sete expoñentes da nova poesía galega" como son María Lado, Lúa Mosquetera, Tamara Andrés, Arancha Nogueira, Diana Kurich, Nuria Vil e Andrea Nunes. Será ás 20,00 horas no Teatro Principal.