SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Jun. (EUROPA PRESS) -
Saudar a unha animación a tamaño real de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e experimentar a través dunhas lentes coa súa mesma gradación algúns recordos da súa vida --como o estoupido da guerra-- é posible na nova exposición que utiliza a Intelixencia Artificial (IA) de forma ética.
A mostra 'Castelao. Mirar por Galicia', que fusiona o arquivo documental do intelectual coas novas tecnoloxías, foi inaugurada este xoves no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, onde se poderá realizar un repaso pola súa vida a través de animacións 3D, obxectos e debuxos orixinais --é o caso das lentes e a pluma estilográfica cedidas polo Museo de Pontevedra-- e videoproxeccións.
No percorrido, creado a modo de túnel escuro con diferentes "momentos de luz" mediante xanelas aos puntos máis relevantes da súa vida e traxectoria artística e política, os visitantes poderán observar proxeccións holográficas, mapas animados e vivir unha experiencia inmersiva nun gran cubo de papel de catro metros de altura con tecnoloxía de videomapping e son cadráfonico.
Tamén, os asistentes poderán sentir que están dentro dun dos seus mitines políticos, na Estrada, grazas ao movemento logrado con IA dentro do público. O artista detrás do proxecto, Carlos Seijo, explicou a intencionalidade á hora de crear a imaxe ata o chan para que o espectador senta que está dentro dela.
Ademais, poderase escoitar a voz do intelectual a partir dun proceso que une o traballo de tres locutores, a aplicación de tecnoloxía de IA --encargada de matizar o timbre da voz-- e o único documento sonoro conservado da voz de Castelao: a mensaxe que gravou en fonopostal na Central de Correos de Buenos Aires pola estrea de 'Os vellos non deben namorarse' en Montevideo en 1941.
A experiencia conta cun vídeo en lingua de signos para facilitar a "cultura inclusiva e accesible", e incorporaranse proximamente, contidos en audio para persoas con discapacidade visual, porque Castelao "sempre se preocupou polas persoas marxinadas".
"MÁIS DE 25 ANOS DE INVESTIGACIÓN"
Tal e como destacou o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, a exposición foi posible grazas a un "obsesivo traballo de investigación de máis de 25 anos" nos que recompilou datos sobre a súa aparencia e vida, sen saber que "ese material lle ía a interesar a algunha persona".
"Ata falei cun oculista sobre o seu problema de vista" confesou, e engadiu que poder ver que estes datos frutifican fanlle sentir orgulloso porque "son froito de moito esforzo que agora pode ser compartido coa cidadanía galega ".
Pola súa banda, Seijo valorou a utilización da IA de "forma ética" e explicou como aínda non é impecable. Unha mostra diso é o detalle no holograma de Castelao coa súa parella, Virginia, no que o lazo do chapeu do intelectual convértese nun broche en movemento. Sobre isto, Seijo recoñeceu que non quixo quitalo para que "fose unha mensaxe encriptada de que hai IA no proxecto".
"GALICIA RÉNDELLE TRIBUTO"
Durante a inauguración da exposición, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou "o gran talento e a gran capacidade que ten Galicia no ámbito audiovisual" e valorou a exposición como "un éxito colectivo" ademais dunha "aposta arriscada".
"Evidentemente, a figura de Castelao non é incontrovertible, ao contrario, creo que ten que xerar debate e opinión. Castelao está máis vivo que nunca e ,unha vez máis, Galicia réndelle tributo", declarou o titular de Cultura.
Neste sentido, López Campos subliñou esta experiencia como o "primeiro gran proxecto galego de arte dixital que aposta polo emprego de tecnoloxías, como a IA xenerativa e o videomapping, para recuperar a figura dun intelectual histórico".