O Sergas adxudica as 19 prazas restantes de médicos especialistas en Primaria, que terán un mes para incorporarse

O DOG publica este martes a resolución que pon fin a esta convocatoria con 106 vacantes a cubrir por concurso de méritos

Archivo - Arquivo - Centro de saúde de Galicia con profesionais de Atención Primaria en folga o 19 de xuño.
REMITIDA - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 31 enero 2023 12:55

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Ene. (EUROPA PRESS) -

   O Servizo Galego de Saúde (Sergas) adxudicou definitivamente as 19 prazas restantes de médicos especialistas en Atención Primaria a través de concurso de méritos. Estes facultativos, que accederán á condición de persoal estatutario fixo, terán un mes desde este mércores, 1 de febreiro, para incorporarse ao posto.

   En concreto, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución do Sergas, asinada pola directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, pola que se declara finalizado este proceso selectivo. Un total de 64 persoas presentáronse para obter unha das 19 vacantes ofertadas nesta segunda chamada.

   As áreas sanitarias de Vigo e Lugo-A Mariña-Monforte son as máis beneficiadas por esta resolución, con sete prazas en cada unha. No caso da área viguesa, contarán con novos facultativos os centros de saúde de Moaña (dous, na quenda de tarde), Ponteareas (un, de tarde), A Guarda (quenda desplazable), Cangas (de tarde), O Rosal (de mañá) e Redondela-Pazos de Borbén-Fornelos de Montes (mañá).

   Na área sanitaria de Lugo, haberá dous médicos especialistas en Atención Primaria nos centros de saúde de Viveiro (de tarde), Xermade (mañá), Foz (tarde), San Cibrao en Cervo (mañá), Burela (tarde) e A Milagrosa en Lugo cidade (desplazable).

   Na de Pontevedra-O Salnés, serán tres, concretamente nos centros de San Roque en Vilagarcía de Arousa (tarde), O Grove (mañá) e Cambados (desplazable). Mentres tanto, a área de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras e A Coruña-Cee contan con dúas prazas, unha no centro do Barco (desplazable) e outra no de Laxe (mañá), respectivamente.

   A resolución deste martes pon fin a un proceso iniciado en abril de 2022 cun total de 106 prazas ofertadas. O 29 de setembro realizouse o primeiro acto de elección de destino no que se adxudicaron 91, quedando por tanto 15 vacantes libres. A estas sumáronse outras catro que non formalizaron a súa incorporación no destino adxudicado, coas que totalizan as 19 que quedaron xa resoltas.

   Os aspirantes seleccionados contarán cun mes, a partir deste mércores, para incorporarse á praza. No caso de que non o fagan, o Sergas chamará ao seguinte por orde de prelación da lista.

   Trátase dunha convocatoria prevista na lei de medidas que acompañaba aos orzamentos da Xunta para o ano 2022, que recollía a creación desta nova especialidade de facultativos especialistas en Atención Primaria que exercerán en centros de saúde con gardas nos PAC.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado