Transparencia insta a Augas de Galicia a remitir a Ulloa Viva o expediente de tramitación de Altri

A plataforma espera do novo conselleiro de Medio Ambiente que cambie "a actitude oscurantista e déspota da súa predecesora", Ángeles Vázquez

Archivo - Arquivo - Manifestantes da plataforma Ulloa Viva durante o descenso en balsas o río Ulla pola protesta contra a fábrica de Altri, a 4 de maio de 2025, en Padrón.
Elena Fernández - Europa Press - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 2 noviembre 2026 14:28

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Nov. (EUROPA PRESS) -

   A Comisión de Transparencia instou a Augas de Galicia a remitir á Plataforma Ulloa Viva o expediente de tramitación da captación de auga do proxecto que a multinacional lusa Altri quería instalar na localidade lucense de Palas de Rei.

   Segundo se recolle na resposta de Transparencia, o ente que preside Andrés Lago Louro insta o departamento autonómico a que, nun prazo máximo de 10 días hábiles, resolva a solicitude de acceso á información pública presentada polo colectivo.

   Así mesmo, pide que nun prazo máximo de 15 días hábiles remítalle á Comisión de Transparencia unha copia da resolución notificada a Ulloa Viva.

   Deste xeito, a Comisión acordou estimar a reclamación presentada pola plataforma contra a desestimación por silencio administrativo de tres solicitudes de acceso a información pública presentadas ante Augas de Galicia en 2025.

   Para a portavoz de Ulloa Viva, Marta Gontá, esta resposta é "un tirón de orellas" á Xunta, subliñando que a resolución recoñece o "dereito á información como cidadáns" e esixe ao Goberno galego "que cumpra a lei".

   Ademais, nunha nota de prensa, a Plataforma explicou que tras solicitar esta documentación en 2025, o pasado mes de outubro Augas de Galicia requiriulles "especificar a que parte do expediente" quería ter acceso, cando, engadiu, "é evidente que se pide o expediente completo".

   Por iso, Marta Gontá considerou "polo menos curioso" que poucos días despois deste requirimento sexa agora Transparencia quen lles "dá a razón" e recoñeza "os seus dereitos".

   Con esta resolución, apuntou Transparencia, ponse fin á vía administrativa e só cabe, "en caso de desconformidade", interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

NOVO CONSELLEIRO

   Tras esta resolución, Ulloa Viva espera "por fin ter resposta de Augas de Galicia" e que despois do cambio de titular na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mellore "a transparencia", así como que haxa "un novo talante" no departamento.

   "Entendemos que o novo conselleiro non quererá empezar o seu mandato fóra da lei. Esperemos que teña máis comprensión e empatía da que recibimos até agora sendo conselleira Ángeles Vázquez", manifestou Gontá, que tachou de "oscurantista e déspota" a súa actitude á fronte da Consellería.

   Nesta mesma liña, a portavoz sinalou que o novo conselleiro, Nicolás Vázquez, será quen "debe dar orde inmediata" para que se cumpra a resolución e poidan ter acceso "canto antes" a todo o expediente".

   Xa avanzou que a Plataforma "non entendería do novo conselleiro outra forma de proceder máis que cumprir coa legalidade e as recomendacións deste órgano de Transparencia".

   "Queremos coñecer todos os pasos que o noso Goberno levou a cabo nesta tramitación. Sabemos que temos dereito e unha lei que nos ampara, así que seguiremos até o final para pór luz e taquígrafos sobre o proxecto para que sexa denegado e enterrado dunha vez por todas", resolveu.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado