CONCELLO DE SANTIAGO - Archivo
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Dic. (EUROPA PRESS) -
O túnel do Hórreo, que dá acceso a Santiago pola SC-20, volverá estar cortado, previsiblemente, esta noite ao non haber efectivos suficientes na quenda de noite que permitan garantir a seguridade do tráfico.
Esta situación xa se produciu outras dúas veces na última semana: a primeira foi na noite do xoves 27 ao venres 28 e a segunda, na noite do luns 1 ao martes 2, o que deixou retencións importantes na cidade. Este escenario volverase a repetir, de forma probable, entre as 22.15 e 07.15 horas desta noite, segundo trasladaron fontes consultadas por Europa Press.
Esta circunstancia excepcional, e que non se produciu no histórico da cidade até a semana pasada, enmárcase no conflito actual entre o Concello e os servizos de Bombeiros e Policía Local. Efectivos de ambos os servizos negáronse, na súa maioría, a reforzar horas extra, ao que se vían obrigados debido ao déficit nos seus cadros.
O principal punto de conflito reside na subida da retribución das horas extraordinarias, para o que aínda non chegaron a un acordo. Con todo, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tras unha reunión celebrada esta semana, mostrouse "optimista".
Nunha rolda de prensa deste mércores, a rexedora celebrou un "avance substancial" ao haber conformidade coa cronoloxía e planificación expostas para a realización da relación de postos de traballo (RTP), que fixará os complementos especifícos de nocturnidade e festividade. As negociacións continuarán nas próximas semanas.