Varias decenas de alumnos do IES Daviña Rey de Monforte protestan ante a Cámara pola "supresión de BAC e ESO"

Protesta IES Monforte frente al Parlamento.
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 26 marzo 2013 16:27

SANTIAGO DE COMPOSTEla 26 Mar. (EUROPA PRESS) -

Varias decenas de estudantes do IES Daviña Rey de Monforte (Lugo), acompañados de representantes da Asociación de Pais e Nais de Alumnos (ANPA) do centro, concentráronse este martes ás portas do Pazo do Hórreo para protestar contra "a supresión de BAC e ESO" no instituto, onde se pretende "limitar a súa oferta aos ciclos de FP".

En declaracións a Europa Press, a presidenta da ANPA, Cristina González, explicou que a noticia da "supresión" destes cursos "descolocou e colleu por sorpresa" aos proxenitores, ao tempo que explicou que a devandita decisión se adopta "sen máis explicacións e sen saber a que obedece". "Ninguén falou connosco", reprobou.

Na mesma liña, a secretaria da asociación, Raquel Estévez, sinalou que esta medida é "demasiado drástica e demasiado rápida" posto que "a semana que vén empezan as matrículas". "Os mozos quedaron moi desconsolados e a mesma tarde en que a noticia saíu en prensa xa recolleran 3.000 sinaturas no seu contra", subliñou.

Por último, ambas as dúas representantes dos pais e nais de alumnos sinalaron que solicitaron "unha entrevista" co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e que prevén entregar aos partidos da provincia un escrito explicando a súa visión e demandando "o seu apoio".

Na protesta ás portas da Cámara, celebrada a última hora da mañá, os alumnos demandaron a continuidade de BAC e ISO no centro, entre berros de "conselleiro, calzonazos,", ao tempo que portaban pancartas que reflectían a súa petición, algunhas en ton irónico con mensaxes con buscadas faltas de ortografía como 'Por buestra culpa non saben nin escrivir'.

Contenido patrocinado