A vítima do 'Chicle': "Díxenme: tenta saír de aquí, porque como peche o maleteiro, non saes máis"

Comienza en Santiago de Compostela el juicio por intento de rapto a una chica en
Álvaro Ballesteros - Europa Press
Publicado: miércoles, 10 abril 2019 12:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Abr. (EUROPA PRESS) -

A moza de Boiro á que supostamente tratou de secuestrar José Enrique Abuín Gey, recoñeceu este mércores ao 'Chicle' como o autor da agresión, ocorrida o 25 de decembro de 2017, e asegurou que, tras interceptala nunha rúa de Boiro, ameazouna cun coitelo e empuxouna para metela á forza no maleteiro do seu vehículo. "Díxenme: tenta saír de aquí, porque como peche o maleteiro, non saes máis", contou ante o tribunal.

A moza declarou na primeira sesión do xuízo que se segue na Audiencia Provincial contra 'O Chicle' polo intento de rapto en Boiro que desembocou na resolución do caso Diana Quer e no que a Fiscalía pide para el máis de 15 anos de cárcere.

A moza, que declarou tras un biombo para preservar a súa identidade, narrou que 'O Chicle' interceptouna nunha rúa "pouco iluminada" de Boiro mentres ela mantiña unha conversación por Whatsapp, polo que se deu "de bruzos" con el, que se atopaba apoiado sobre o seu coche coa porta aberta.

'O Chicle', contou, pediulle entón que lle entregase o móbil, pero ela negouse e ofreceulle a cambio diñeiro, algo que el non aceptou. "O móbil era a miña única forma de salvarme se nalgún momento pechaba a porta, para chamar á Policía", dixo.

A moza contou tamén que Abuín Gey ameazouna cun coitelo ou obxecto metálico similar e díxolle: "non berres ou 'te rajo'", polo que, admitiu, temeu pola súa vida. Despois de asegurarlle que todo era "unha broma", 'O Chicle', contou, terminou por "empuxala" cara ao maleteiro, onde chegou a introducirse agás as pernas e puido observar que no fondo colocara "algo branco, unha saba ou unha toalla".

Tras iso, continuou, tratou de "incorporarse" en "estado de shock" para saír do maleteiro: "Díxenme: tenta saír de aquí, porque como peche o maleteiro, non saes máis", contou a vítima, que recibiu posteriormente a asistencia de dúas testemuñas que ouviron o forcexeo.

Visiblemente afectada, a moza escoitou tamén a reprodución dun audio de Whatsapp que gravou accidentalmente durante a agresión e no que pode escoitarse ao 'Chicle' pedíndolle reiteradamente que lle entregue o móbil e á vítima suplicándolle que a deixe ir.

(HABRÁ AMPLIACIÓN)