A Xunta activa para este martes a alerta laranxa por vento no oeste e suroeste da Coruña

Suspéndese a actividade no exterior dos centros educativos e a actividade deportiva federada e o programa Xogade no exterior

Archivo - Arquivo - Ondas durante a fronte meteorolóxica, a 23 de febreiro de 2024, na Coruña, Galicia (España).
M. Dylan - Europa Press - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 8 diciembre 2025 19:57

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Dic. (EUROPA PRESS) -

   A Xunta activou para este martes a alerta laranxa por vento no oeste e suroeste da provincia da Coruña e mantén o nivel de aviso laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña e de Lugo.

    A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes, co obxectivo de garantir a seguridade dos bens e as persoas, informou da situación mediante o 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos.

   Segundo a Aemet, a alerta laranxa por vento comezará nas últimas horas deste luns ao esperarse ráchas de vento de até 100 quilómetros por hora.

    Así mesmo, segue activo o nivel laranxa por temporal costeiro nos litorais da Coruña e de Lugo por ventos do sur ou suroeste de até forza nove e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de até sete metros.

    Ante a alerta laranxa por vento, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender até as 16.00 horas deste martes as actividades no exterior dos centros educativos en dúas zonas: oeste da Coruña --Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo, Zas-- e suroeste da Coruña --Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois--.

   Tamén queda cancelada a actividade deportiva federada e as do programa Xogade que se realicen no exterior, desde a medianoite até as 15.00 horas do martes no oeste e noroeste da Coruña e desde a medianoite até as 09.00 horas no suroeste coruñés.

    A actividade deportiva federada e Xogade no mar que suspendida até finalizar o martes desde as 09.00 horas no oeste da Coruña --Costa da Morte--, desde as 10.00 horas no noroeste desta provincia e desde as 12.00 horas no suroeste coruñés, Rías Baixas e Miño de Pontevedra. Así mesmo, na Mariña de Lugo a suspensión esténdese desde esta medianoite até as 14.00 horas do martes.

    A Xunta lembra a necesidade de manterse afastado da liña de costa e pide extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado