A Xunta obriga a Santiago a reiniciar a solicitude de zona tensionada de vivenda tras non emendar Raxoi os informes

O IGVS critica que a resposta do goberno local se limitaba "a tentar rebater" o seu requirimento, sen "ningunha modificación substancial"

Archivo - Arquivo - Fotos Xunta / Vivenda / A Conselleira De Vivenda E Planificación De Infraestruturas,María Martínez Allegue,Ofrece Unharolda De Prensapara Dar Conta Dunha Convocatoria De Axudas En Materia De Vivenda.
Xunta de Galicia - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 5 agosto 2025 15:03

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A Xunta deu por desistida a solicitude do Concello de Santiago de declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado --mecanismo da lei estatal de vivenda que permitiría limitar prezos do aluguer-- porque non deu "resposta válida" ao requirimento de emendar e completar a documentación.

   Isto implicará reiniciar o proceso, segundo informa este martes a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas través dun comunicado, xa que o goberno local "poderá volver presentar" a petición coa documentación que esixía a Administración autonómica "para que poida ser tramitada adecuadamente".

   Raxoi enviara o pasado maio os informes para solicitar a declaración, pero a comezos de xuño o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) respondeu a comezos de xullo que estes "non se axustan" á lei estatal e que o Concello debía "emendar deficiencias".

   O goberno local entendía que a súa documentación estaba completa e, ao longo de xullo, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, remitiu un escrito ao IGVS no que defendía os informes xa feitos, aínda que si incluía algunha aclaración sobre os datos empregados.

   A Xunta lembra, no comunicado deste martes e en declaracións do director do IGVS, Heriberto García, que se pediu ao Concello que completase o plan de medidas correctoras para reverter a situación de mercado tensionado porque as xa incluídas "carecían de incidencia real, dunha mínima concreción ou xa estaban en execución", á vez que "adoecía de calendario claro de aplicación".

   Ademais, o Instituto Galego de Vivenda e Solo reclamaba un novo documento de diagnose "a partir de datos oficiais e non dun portal inmobiliario" --Raxoi defendía que se empregaban ambos-- e que explicase a súa proposta de reducir de dez a cinco o número de vivendas que unha persona debía ter para considerarse "gran posuidor".

   De feito, antes deste requirimento, a Xunta destaca que a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, ofreceu á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a posibilidade de celebrar unha reunión entre técnicos de ambas as administracións.

   "Así, técnicos do IGVS contactaron cos do Concello, pero a resposta municipal foi a de obviar as reunións ofrecidas e remitir unha contestación ao requirimento que non dá resposta ao solicitado pola Xunta", lamenta.

   Así mesmo, critica que a contestación na carta do día 23 limitábase "a tentar rebater o contido do requirimento, sen incorporar ningunha modificación substancial".

   Por iso, ante a "falta de resposta", a Xunta "ten que considerar o desestimiento" da solicitude, aínda que o goberno local poderá volver presentala cos datos solicitados.

   Precisamente, a semana pasada o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba a resolución do Ministerio de Vivenda para declarar A Coruña como zona co mercado residencial tensionado, o que a converte no primeiro municipio galego con esta condición.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado