LUGO 2 Oct. (EUROPA PRESS) -
O xurado popular declarou este xoves, por unanimidade, a Brais Lozano, acusado do dobre crime de Xermade, culpable da morte de Víctor Hermida Purriños e do seu fillo Eulogio, así como das lesións ocasionada á esposa e nai de ambos os dous, no coñecido como crime de Xermade (Lugo)
"Dorme tranquilo, que eu sei que non fixeches nada", foi o berro desesperado da nai do procesado ao despedir o seu fillo entre saloucos, tras escoitar como o xurado, composto por sete mulleres e catro homes, o declaraba culpable do ataque acontecido na parroquia de Burgás en 2012.
Os seus pais e outros familiares acompañaban esta xornada ao único procesado --tras a morte do seu cómplice Juan José Calaza no cárcere-- e estalaron tras oir o fallo. De feito, o pai do procesado dirixiuse ao presidente do tribunal e chegouno a increpar preguntándolle "qué xustiza é esta".
Tras as sesións do xuízo, o xurado encontrou a Brais Lozano culpable da morte de Eulogio e Víctor Hermida e das lesións ocasionadas a Domitila.
Por iso, Fiscal xefe, Juan José Begué, non modificou as súas conclusións provisionais e pide 74 anos de prisión para o procesado, 25 anos por cada un dos dous asasinatos, 19 máis por intento de asasinato de muller, e cinco anos por outro delito de roubo con violencia.
A DEFENSA RECORRERÁ O FALLO
A defensa, que durante a lectura tivo que ser amoestado polo maxistrado presidente, xa anunciou que recorrerá o fallo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tras indicar que o seu defendido "non necesita pena ningunha".
O xurado considerou probado que Brais Lozano estivo esa tarde na casa de Xermade e considera, polo tanto, que é autor dos feitos. O avogado defensor, non obstante, criticou esta decisión dado que "a simple presenza non é autoría".
Agora queda esperar a que o presidente da sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo fixe a condena para Brais Lozano, que como queda claro no auto do xurado acudira a aquela casa xunto co seu cómplice a "roubar diñeiro e droga", tal e como o mesmo tamén declarara durante o xuízo.