SANTIAGO DE COMPOSTELA 13 Feb. (EUROPA PRESS) -
Alvarellos Editora prepara a edición dunha antoloxía da obra inédita e perdida de Leandro Carré Alvarellos (A Coruña 1888-1976), un volume que pasará a formar parte da Colección Rescate desta editorial e que sairá á venda o próximo mes de marzo.
O galeguista Carré é un dos grandes esquecidos das letras galegas. Un home polígrafo, activista e cimentador da identidade de Galicia, e autor dunha inxente obra literaria que permanecía ata agora, na súa maior parte, inédita. Mañá é o seu 30 cabodano e no 2008 fai 120 anos do seu nacemento, data na que a sociedade galega debería recuperar o seu legado e valorizar a entrega exemplar, desinteresada, que fixo á cultura e ao país, indicou a editorial.
Alvarellos Editora recompila nesta nova publicación, que leva por título 'Obra inédita e esquecida', o mellor da súa produción: unha selección de ensaios, contos, pezas teatrais e lendas que abarcan dende o ano 1915 ata 1972.
Na nova publicación aparece, por exemplo, e por primeira vez íntegro, o seu manual de interpretación teatral de 1922; inclúense varios contos inéditos --un deles, un fermoso relato infantil dedicado á súa filla Adela--, un monólogo teatral, dúas comedias --unha delas, de 1929, de ambientación urbana--, e cinco das súas célebres lendas tradicionais galegas, na súa primeira versión en galego publicadas en revistas a mediados dos anos 50 e nunca recollidas en libro ata agora.
Todo este valioso material, xunto con outros textos, complétase cun amplo apartado gráfico: unha foto-biografía inédita do autor, manuscritos, debuxos, documentos que proban o indiscutíbel labor e a fonda influencia cultural e social de Leandro Carré Alvarellos na Galicia do primeiro terzo do século XX.
A edición, que alcanza as 300 páxinas, conta así mesmo cun limiar e notas do profesor Xosé Manuel Maceira Fernández, cuxa tese de doutoramento centrouse precisamente en Carré Alvarellos.