O Auditorio de Santiago acollerá mañá e o mércores o concerto didáctico 'A Historia do Soldado', producido por Cultura

Actualizado: lunes, 17 abril 2006 19:40

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Auditorio de Santiago acollerá mañá e o mércores o concerto didáctico 'A Historia do Soldado', espectáculo que nesta ocasión está producido pola Concellalía de Cultura. Cada día haberá dous representacións, unha ás 10.00 e outra ás 12.00 horas.

O concelleiro de Cultura de Santiago, Néstor Rego, salientou hoxe a celebración destes conciertos didácticos e o feito de que este ano presente a "novidade" de ser un espectáculo producido polo departamento municipal. Engadiu que o feito de intervir na produción supón "un maior custe", pero tamén que contará cunha "escenografía máis coidada".

'A Historia do soldado' é unha pantomima bailada, baseada nun conto de fadas ruso ideal para nenos e nenas de todas as idades. O xenial Igor Stravinski compuxo esta peza dividida en escenas tan dinámicas coma "Coral", "Tango" e "Danza do demo".

A adaptación ao galego do texto de Charles Ferinand Ramuz é obra de Paula Carballeira, quen tamén será a narradora nos espectáculos. Asemade, a dirección deste concerto didáctico corre a cargo de Xosé Carlos Seráns.

Asemade, o elenco artístico neste concerto didáctico está composto por Chiqui Pereira, como o Soldado; Teresa Rodríguez, como o Demo; Gregori Nedobora, ao violín; Carlos Méndez, ao contrabaixo; Martín Baleirón, ao clarinete; Alex Valcarcel, ao fagot; Xosé Rodríguez, á trompeta; Carlos Figueira, ao trombón; e Daniel Riveiro, á percusión.

A representación de 'A Historia do soldado' como concerto didáctico xurdiu da colaboración entre o grupo de teatro Berrobambán e solistas das bandas de música de Santiago e da Coruña e da Real Filharmonía de Galicia.