O 'Barco da Memoria' rematará mañá en Vilagarcía o seu percorrido pola costa galega coa exposición 'Os mártires do mar'

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 3 septiembre 2006 14:58

SANTIAGO DE COMPOSTELA 3 Sep. (EUROPA PRESS) -

O 'Barco de Memoria' rematará mañá no porto de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) o percorrido que ven realizando dende o 18 de xullo pola costa galega para dar a coñecer a represión franquista contra os mariñeiros a través da súa exposición 'Os martires do mar', que se enmarca dentro das actividades do 'Ano da Memoria' promovido pola Xunta de Galicia.

Segundo informou a consellería de Cultura, a embarcación, que recalará neste porto desde mañá ata o mércores ofrecerá a súa exposición a todolos visitantes en horario de mañá e tarde, así como charlas e música.

Asimesmo, mañá está prevista a realización dunha homenaxe ás 19.30 horas no cemiterio da vila pontevedresa, adicado ó contraalmirante responsable do arsenal de Ferrol, Antonio Azarola Gresillón, fusilado pola súa lealdade á república en 1936. Ademais, ás 20.00 horas, o auditorio de Vilagarcía acollerá unha conferencia de Dionisio Pereira sobre 'Os escenarios do mar tras o golpe militar: o caso da beira pontevedresa da Ría de Arousa'.

O martes día 5, ás 17.00 horas, o profesor da Universidade de Zaragoza, Javier Rodrigo, autor da obra 'Los campos de concentración franquista entre la historia y la memoria', ofrecerá unha conferencia de prensa acompañado do vicepresidente da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, Santiago Macías.

Finalmente, o día 6 terá lugar no auditorio de Vilagarcía un acto para dar remate á singradura do 'Barco da Memoria', no que haberá proxeccións audiovisuais e actuacións musicais así como a entrega da 'Pedra da Memoria' a 15 familias de represaliados.

Contenido patrocinado